26 de xan. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Míriam Sempere non renovará co Mecalia Atlético Guardés para a vindeira tempada 

• A porteira e capitá do equipo de A Guarda decidiu que non continuará no club o vindeiro curso por volver á súa terra natal, en Alicante 

• Sempere milita no equipo dende o ano 2020 e viviu con el tres subcampionatos (en Liga, Copa e competición europea), ademais de ser unha das pezas chave do bo momento que está a pasar o Mecalia Atlético Guardés esta tempada 


Míriam Sempere, porteira e capitá do Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés e Míriam Sempere separan os seus camiños. A porteira e capitá do equipo da Sangriña decidiu que non renovará o seu acordo co club de cara á vindeira tempada 2025/2026, de xeito que os que restan deste curso serán os derradeiros partidos nos que Sempere vestirá a camiseta do Guardés. 

 Míriam Sempre incorporouse por primeira vez ao Mecalia Atlético Guardés na tempada 2020/2021, nun movemento que supuxo a súa volta á División de Honor Ouro tras tres anos militando en Prata. Dende entón colleitou diferentes éxitos co Mecalia Atlético Guardés, coma o subcampionato da Liga Guerreras Iberdrola aquel mesmo ano e outros dous segundos postos na Copa de la Reina e na Women’s EHF European Cup as dúas seguintes tempadas, respectivamente. O pasado mes de xaneiro, a porteira cumpriu 200 partidos na primeira categoría feminina, e no curso actual está a ser unha das pezas chave dos bos resultados do equipo, grazas á súa férrea defensa da meta guardesa. 

 Cinco anos despois, Míriam Sempere decidiu poñer fin á súa historia na Guarda, en busca dunha opción deportiva máis próxima á súa localidade natural en Santa Pola (Alicante). A porteira valenciana publicou nas súas redes sociais unha emotiva carta de despedida agradecendo por estes anos ao club, ás súas compañeiras de plantel e á afección do Inferno, declarando que a pesares da súa partida ao termo da tempada, “un anaquiño deste pobo, desta afección e deste club sempre estarán no meu corazón e na miña pel”. 

 O Mecalia Atlético Guardés agradece igualmente a Míriam por todo o vivido nestes anos e deséxalle o mellor tanto no deportivo coma no persoal. Sempere foi unha das pedras angulares dos éxitos recentes do equipo, e non cabe dúbida de que loitarán xuntos por rematar a actual tempada, na que o campionato está sobre a mesa, co mellor resultado posible. Ata sempre, capitá!

Ningún comentario:

Publicar un comentario