O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, despois de 20 anos, a vía principal de comunicación do Baixo Miño esté moi lonxe de ser unha realidade
• O BNG critica que o Partido Popular, desde que anunciara en 2004 que estaría operativa en catro anos, en todo este tempo siga sen resolver o problema de comunicación entre Tui e A Guarda
Bloque Nacionalista Galego / O Baixo Miño
O último destes anuncios fíxose fai uns días, cando Rueda se achegou á comarca a escenificar a licitación do acondicionamento de tres novos quilómetros da AG-42, que levan 15 anos xa explanados e que actualmente están convertidos nunha selva. Así, o presidente presenta este acto como un logro enorme para o Baixo Miño cando non é máis que un remendo mínimo máis no que sería a totalidade do proxecto. O tramo en cuestión, ao non ter continuidade, non afecta aos desprazamentos entre Tui e A Guarda, O Rosal ou a meirande parte do Concello de Tomiño. Polo contrario, suporá un incremento do tráfico na PO-350 nas parroquias de Piñeiro e Taborda e conseguinte risco para a seguridade viaria, pois esta estrada non tén nin arcén nin beirarrúas.
Na comparecencia, o presidente tamén aludiu á obra de enlace coa A-55, posta en funcionamento durante a precamaña das pasadas eleicións galegas. En realidade, a apertura desta obra sen ter o resto do tramo ata Goián rematado, conxestionou aínda máis o tráfico en Areas, pois obriga aos vehículos que deixan a autovía en dirección A Guarda a pasar pola rotonda de acceso aos supermecados desta área, cando antes o vial de saída enlazaba coa PO-552 máis alá desta zona comercial. Ao mesmo xeito que o indicado no apartado anterior, ao non executar o proxecto de xeito global volta a facerse un embudo de tráfico.
Asimesmo, o BNG denuncia que o acto propagandístico de Rueda se levara a cabo días despois de que esta formación denunciase públicamente a falta de investimentos para a comarca nos orzamentos da Xunta para este ano 2025, chegando a tumbar o Partido Popular na súa tramitación no Parlamento unha vintena de emendas presentadas e defendidas polo Bloque Nacionalista Galego, que atendían a demandas imperativas dos concellos do Baixo Miño. Unha vez máis o Partido Popular aplica unha política de fume á nosa comarca, pois detrás da propaganda e os anuncios non hai dotacións presupostarias nin obras.
Todo isto evidencia a enorme pasividade do Partido Popular comarcal e das súas agrupacións locais, actuando permanentemente como cómplices silenciosos do constante abandono ao que nos tén condenados a Xunta. O Bloque Nacionalista Galego lamenta que os responsables políticos populares no Baixo Miño unha e outra vez se poñan de perfil cando se trata de atender problemas tan cruciais para nós como son as comunicacións, o transporte, a mobilidade transfronteiriza, a sanidade, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario