A Xunta amplía a colección permanente do CGAC con catro obras da artista Ariadna Silva, participante do programa das Galerías de Arte de Galicia ‘Aberto 24’
• Trátase de fotografías pertencentes á serie ‘Friccións’, nas que a creadora aborda a catástrofe ecolóxica do Prestige
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia vén de adquirir para a colección permanente do Centro Galego de Arte Contemporánea catro obras da artista pontevedresa Ariadna Silva. Son fotografías dunha serie que leva por título Friccións e que formou parte do programa expositivo Aberto 24, unha iniciativa da Asociación de Galerías de Arte de Galicia que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
No caso concreto das obras desta artista, natural da Estrada, estiveron expostas na Galería Marisa Marimón de Ourense, unha das nove que conformaron o programa de mostras Aberto 24, celebrado o pasado mes de setembro coa participación tamén das entidades, Metro, Nordés, Moret Art e Vilaseco, da Coruña; Dupla, Luisa Pita e Trinta, de Santiago de Compostela, e PM8, de Vigo.
Cómpre lembrar que o Centro Galego de Arte Contemporánea xa adquiriu en 2023 e en 2022 pezas da artista Soledad Córdoba e do creador Gabriel Borba Filho, participantes, ambas, no programa Aberto24.
Con estas adquisicións, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere apoiar as iniciativas das galerías galegas e á vez enriquecer a colección permanente do CGAC, cuxa importancia e relevo púxose de manifesto recentemente coa celebración do 30 Aniversario do museo e a través de exposicións da colección na Cidade da Cultura e nas propias instalacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.
As catro pezas de Friccións adquiridas abordan a catástrofe ecolóxica do Prestige e vense completadas cun tríptico de pequeno formato, que a artista Ariadna Silva e a Galería Marisa Marimón fixeron como doazón ao CGAC.
Ariadna Silva
Ariadna Silva constrúe no seu traballo fotográfico e audiovisual unha mirada sensible e crítica ao redor de temas de interese social. Investiga os conceptos de desmemoria, identidade e territorio desde o seu contexto máis próximo. A súa formación iníciase co Grao de Comunicación Audiovisual pola Universitat Oberta de Catalunya e complétase co Máster en Fotografía Artística e Documental pola Escola TAI e Máster en Servizos Culturais pola Universidade de Santiago de Compostela.
Entre os seus recoñecementos atópanse seleccións en festivais e en residencias como Canon Student Program 2017 do Visa Pour l’image de Perpignan (Francia), Encontros de Artistas Novos da Cidade da Cultura, Festival de Fotografía Pa-ta-ta ou Art Photo BCN.
Foi gañadora do Premio Galicia Contemporánea do Festival Intersección da Coruña (2023), finalista do Premio Internacional Emerxentes (2020) dos Encontros da Imagem de Braga (Portugal), gañadora do Premio Xuventude Crea de Fotografía (2019) outorgado pola Xunta de Galicia e tamén se fixo cunha das Bolsas Albarracín do Seminario de Fotografía e Xornalismo de Albarracín (2018).
Como cineasta recibiu o Premio a Mellor Dirección de Curtametraxe Documental dos Premios CREA e foi seleccionada en festivais como Curtocircuíto, Cineuropa, Festival de Cans, Festival Primavera de Cinema, Festival de Curtas de Vilagarcía, FIC Vía de Verín ou Corvo mariño Film.
Ningún comentario:
Publicar un comentario