19 de out. de 2024

SALVATERRA DE MIÑO

A exhumación da fosa de Cabreira cada día máis preto

  Cando veñen de cumplirse 88 anos do asasinato de cinco homes en outubro de 1936, no lugar do Viso


Participantes na reunión do 25 de xaneiro de 2024 no adro de Cabreira
 Reunión con membros de Histagra, en Salvaterra o día 25 de xaneiro de 2024


Helena Pousa Ortega* 

 Onte, día 18, o mesmo día que se cumprían 88 anos do asasinato de cinco homes en outubro de 1936, no lugar do Viso, en Salvaterra, recibimos a boa noticia de que desde o Estado hai unha partida económica para que se poida levar adiante a exhumación da fosa. Nesta fosa están soterradas cinco persoas das que se descoñecen os nomes e apelidos, que foron encontradas polos veciños da parroquia e os levaron para o adro da igrexa de Cabreira onde os velaron e soterraron. E aínda hoxe permanecen alí. 

 Na colocación de un monumento na súa memoria en outubro de ano pasado, moi preto do lugar onde os mataran, o grupo de Salvaterra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, que xa levaba anos investigando quen poderían ser esas cinco persoas descoñecidas, puideron anunciar unha nova hipótese (xa sinalada anteriormente por X.R. Paz Antón) que está en relación coa investigación feita pola Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu. A casualidade quixo que noutra actividade da Comisión, en Castro Laboreiro, se coñecesen Anxo López e José Novas, de Bueu, que seguía a pista de 5 moañeses que non daban encontrado. E a partir dese encontro abriuse un camiño de esperanza para os posibles familiares dos asasinados. 

 Esta nova posibilidade foille presentada ao grupo investigador de Histagra, que axiña apoiou esta iniciativa e, o 25 de xaneiro deste ano, viñeron investigar esta fosa e maila de Soutelo (Salceda de Caselas) para ver as posibilidades reais da exhumación.  

 Cando se cumpren 88 anos estamos moi esperanzados e confiamos facer realidade o compromiso adquirido pola Comisión de pórlles nome, tal como reza a lenda do monumento na súa homenaxe, sobre todo porque se é certeira esta nova vía de investigación poderiamos darlles os restos dos pais a dúas fillas que aínda viven.

* Membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña

Ningún comentario:

Publicar un comentario