21 de out. de 2024

A GUARDA

A Comunidade de Montes da Guarda denuncia graves irregularidades nas parcelas destinadas ao novo Centro de Saúde Integrado  




Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda quere informar á cidadanía e ás autoridades competentes dun posible escándalo urbanístico vencellado á adquisición de parte das parcelas para a construción do Centro de Saúde Integrado na zona das Coutadas (A Guarda), e nas que se detectaron graves irregularidades que xa foron denunciadas ante a Fiscalía. 


 Na Xunta Xeral Ordinaria do 10 de xuño de 2018, coa presidencia de D. Manuel Castro Vicente (“Lolo”), a asemblea de comuneiros aprobou a compra de 4.000 m² de terreos na zona das Coutadas para a construción dunha Casa de Montes e dunha nave de almacenaxe, cun prezo acordado de entre 3€ e 20€ por metro cadrado.


 Posteriormente, o 1 de decembro de 2020, a Xefatura Territorial de Medio Rural en Pontevedra resolveu favorablemente a adquisición deses terreos e a súa inclusión como propiedade comunal por parte da Comunidade de Montes de A Guarda (Expediente: PO-04-ADTER/20).  


 Con todo, en novembro de 2021, o novo Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia incluíu a construción de seis novos centros de saúde na área de Vigo, entre eles o Centro Integrado de A Guarda.


 Finalmente,7 de outubro de 2024 emitíase o Informe de Valoración para a adquisición das parcelas para a implantación deste centro de saúde na zona das Coutadas. Nese informe inclúense ata oito parcelas ratificadas pola asemblea de comuneiros e aprobadas pola Xefatura Territorial de Medio Rural en 2020. 

 

 Segundo pesquisas da Comunidade de Montes de A Guarda, ata oito (8) das 16 parcelas ratificadas pola asemblea de comuneiros e aprobadas pola Xefatura Territorial de Medio Rural atópanse agoran en mans dunha empresa privada, Macavi A Guarda S.L., propiedade de D. Manuel Castro Vicente (“Lolo”). E, polo menos catro (4) destas parcelas forman parte do Informe de Valoración para a adquisición das parcelas para a implantación deste centro de saúde na zona das Coutadas.


Incremento do valor dos terreos  

 Segundo o Informe de Valoración, estas oito parcelas que terían que formar parte do patrimonio comunal experimentaron unha revalorización de máis do 300% no prezo por metro cadrado desde a súa ratificación pola asemblea de comuneiros en 2018, pasando dun valor total de 15.787,00€ a 66.715,76€ no ano 2024. Esta diferenza supón un incremento de case catro veces o valor inicial. 

Táboa 1. Valoración e superficie das parcelas ratificadas pola asemblea de comuneiros e aprobadas pola Xefatura Territorial de Medio Rural incluídas no Informe de Valoración para a adquisición de parcelas para a implantación do Centro de Saúde Integrado de A Guarda. 


Ref. catastral

€/m² (2018)

€ (2018)

€/m² (2024)

€ (2024)

3602302500808*

431

20,00

8.620,00

27,86

12.007,66

3602302500810

160

3,00

480,00

22,90

3.664,00

3602302500765*

163

3,00

489,00

22,90

3.732,70

3602302500796

410

3,00

1.230,00

22,90

9.389,00

3602302500767

125

3,00

375,00

22,90

2.862,50

3602302500797

131

3,00

393,00

22,90

2.999,90

3602302500798*

499

3,00

1.497,00

22,90

11.427,10

3602302500802*

901

3,00

2.703,00

22,90

20.632,90

*Parcelas  incluídas no Informe de Valoración a nome da empresa Macavi A Guarda S.L.


As parcelas, agora en mans dunha empresa privada  

 O feito de que catro destas oito parcelas valoradas en 47.731.66€, que deberían formar parte do patrimonio comunal, figuren agora a nome da empresa Macavi A Guarda S.L., propiedade de D. Manuel Castro Vicente (“Lolo”), levanta serias sospeitas sobre a xestión e o destino destes terreos. A situación foi informada ao Concello de A Guarda o pasado 17 de outubro de 2024 (Instancia Xeral DIR3 L01360237SIA 1711480) para que tomen as medidas pertinentes, dado que estas parcelas están incluídas no proxecto do novo Centro de Saúde Integrado     

Denuncia ante a Fiscalía

 Ante a gravidade dos feitos, este 21 de outubro de 2024 presentouse unha denuncia formal ante a Fiscalía por posibles delitos de Apropiación indebida, Administración desleal e Corrupción urbanística, achegando toda a documentación sobre as irregularidades na adquisición e xestión destas parcelas. 

Advertencia á cidadanía e solicitude ao Concello

 A Comunidade e Montes de A Guarda solicita ao Concello de A Guarda que deteña de inmediato calquera acción de adquisición destas parcelas ata que a situación se investigue a fondo e se determine quen son os responsables desta presunta trama de especulación inmobiliaria que atenta contra o patrimonio que debería ter sido común dos veciños e veciñas de A Guarda.

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda continúa comprometida coa defensa do patrimonio comunal e vixiará para que se tomen todas as medidas legais necesarias para esclarecer esta situación e impedir a súa explotación para fins privados.  

 Para máis información e denuncias: montedaguarda@gmail.com

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario