5 de set. de 2024

TOMIÑO

Tomiño impulsa a creatividade da súa mocidade co seu obradoiro de artes plásticas  

 A OMIX organiza un taller en setembro para que mozos e mozas poidan explorar a súa faceta artística. Aberta a inscrición na web  

 



Infogauda / Tomiño 

 Tomiño desata a creatividade da súa mocidade. Todo listo para o novo curso da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), un obradoiro de artes plásticas co que dar pulo á faceta artística da rapazada a través dunha experiencia plástica diferente, onde cada persoa participante poderá explorar a súa creatividade respectando a súa personalidade e dando as ferramentas necesarias para acadar resultados sorprendentes. 

 A formación realizarase os sábados 7, 14, 21 e 28 de setembro de 11.00 a 13.00 horas na praza Cultura, de Goián. En total serán oito horas de aprendizaxe en catro sesións distintas coas que mozos e mozas terán unha oportunidade única para desenvolver a súa expresión artística nun ambiente acolledor e guiado.  

 A alcaldesa, Sandra González, subliñou a importancia de actividades coma esta para o desenvolvemento integral da mocidade. “Este obradoiro será unha experiencia moi enriquecedora e unha grande oportunidade para que a nosa rapazada se exprese a través da arte”, recalcou a rexedora, animando a toda a mocidade a participar neste obradoiro.  

 Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso co desenvolvemento cultural e educativo da mocidade local, ofrecendo espazos nos que a arte e a creatividade sexan protagonistas. A formación terá un prezo de 15 euros e as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario