1 de ago. de 2024

TURISMO

Nace o Clúster Transfroteirizo de turismo Galicia-Norte de Portugal 

Este novo organismo articularase ao abeiro dun proxecto europeo e permitirá reforzar a colaboración público-privada na Eurorrexión no eido turístico


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Xesús Gamallo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe no Museo do Mar de Galicia na presentación do proxecto europeo Clustertur_GNP

Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Xesús Gamallo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe no Museo do Mar de Galicia na presentación do proxecto europeo Clustertur_GNP, que posibilitará a creación do primeiro Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal como ferramenta para reforzar a colaboración público-privada na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal no eido turístico.  

 Este é un dos tres proxectos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) no que participa este ano Turismo de Galicia para reforzar sinerxías con Portugal. Mobiliza preto de 700.000 euros, dos cales case 520.000 a través de convocatorias de fondos europeos. Xunto a Turismo de Galicia, son beneficiarios do proxecto a AECT-Galicia Norte de Portugal e Turismo do Porto e Norte de Portugal.  

 Entre as principais liñas de acción de Clustertur_GNP, ademais do deseño e posta en marcha do Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal, que terá como misións principais elaborar unha Estratexia Transfronteiriza neste ámbito ata o horizonte de 2030 e identificar actores, recursos e produtos con potencial de internacionalización e xeración de marca turística de seu para a Eurorrexión; poranse en marcha accións de coñecemento empresarial conxuntas; impulsarase a Eurorrexión como destino turístico sostible e articularanse iniciativas de posta en valor do Camiño Portugués no espazo transfronteirizo.  

 O novo Clúster permitirá crear unha estrutura de traballo en rede na que as empresas da Eurorrexión poidan coñecerse mellor e xerar accións de comercialización conxuntas en diferentes mercados nacionais e internacionais, a partir dunha estratexia compartida previamente articulada; favorecerá o networking “e outorgará un papel protagonista aos recursos comúns e vertebradores como o Camiño de Santiago ou a enogastromía”, resaltou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a súa intervención na presentación de Clustertur_GNP.  

 Neste sentido, Merelles referiuse durante o acto a que Portugal é, no eido internacional, o primeiro país emisor de turistas para Galicia e así o reflicten as cifras de 2023, cando se rexistraron máis de 624.000 pernoitas procedentes do país luso, o que supón o 20% do total internacional. Esta tendencia de crecemento mantense no primeiro semestre do ano, tras os últimos datos do INE, que amosan que máis de 128.000 viaxeiros procedentes de Portugal fixeron noite nalgún dos hoteis ou pensións da comunidade, o que supón un incremento case do 15%.  

 Os peregrinos procedentes de Portugal, no que vai de ano, suman xa un total de máis de 12.300. Neste sentido, o país veciño representa o cuarto país emisor de peregrinos a Galicia tras EEUU, Alemaña e Italia. “O Camiño Portugués e o Camiño Portugués polo Norte son dúas das rutas que máis están a medrar”, sinalou Xosé Merelles, “e representan xa a segunda e terceira ruta co 15 e 20% respectivamente sobre o total de peregrinos rexistrado en todos os itinerarios xacobeos”.  

O proxecto europeo tamén aposta por promover a dimensión divulgativa e do Camiño e favorecerá, dentro da súa liña de acción ligada neste eido, “a afluencia de expertos lusos no Congreso Internacional de Estudos Xacobeos”.  

Avanzar na coordinación 

 Pola súa banda, o director da AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida, puxo en valor que este acto axudará a “sentar as bases co resto de socios do proxecto”. “Agora é o momento de comezar a avanzar para coordinar aos turoperadores e empresas do sector de ambas as beiras da fronteira arredor dun proxecto desafiante e fundamental para a Eurorrexión, non só como destino turístico transfronteirizo”.  

 O proxecto aspira a que este territorio sexa “referente na promoción conxunta dos camiños de Santiago en Portugal e do gran patrimonio cultural, gastronómico e enoturístico que queremos poñer en valor, impulsar e achegar” para dar a coñecer “ao mundo enteiro”.  

 Na súa participación no acto, Luís Pedro Martins, presidente de Turismo do Porto e Norte, afirmou que “a creación do primeiro  Clúster de Turismo dunha Eurorrexión vai permitir aos dous territorios presentarse xuntos nos mercados, especialmente nos de longa distancia, de xeito máis competitivo, potenciando a idea de dous países e un destino”.  “A optimización de recursos e o traballo conxunto das catro entidades que compoñen este consorcio permitirá a estruturación e a promoción de produtos turísticos de lecer e de negocios que beneficiarán ao sector empresarial do turismo de ambos os territorios da Eurorrexión”, engadiu Martins.  

 Antes da finalización do foro, diferentes expertos do sector participaron nunha mesa redonda baixo o título Pespectivas da cooperación entre actores do sector turístico da Eurorrexión.  

Clausura 

 Finalmente, na clausura do foro de lanzamento do proxecto europeo, o presidente da CCDR-Norte I.P. e de quenda da Eurorrexión, António M. Cunha, indicou que “o nacemento e posta en marcha deste Clúster de Turismo Transfronteirizo que hoxe presentamos fainos sentir enormemente satisfeitos porque estamos cumprindo uno dos obxectivos políticos prioritarios, tanto para o Norte de Portugal como para Galicia”.  

 Este proxecto axudará “aínda máis” a “mellorar o dinamismo turístico, económico, social e cultural a ambos os lados da fronteira e a promocionar internacionalmente o producto turístico da Eurorrexión GNP e os Camiños de Santiago en Portugal, que son os que máis medran en canto a número de peregrinos”.  

 Clustertur_GNP é un proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do INTERREG España-Portugal Proxecto 0246_CLUSTERTUR_GNP_1_E.

Ningún comentario:

Publicar un comentario