Tomiño vai de verbena sinfónica coa Agrupación Musical de Goián
A Agrupación mesturará no seu concerto de verán, a tradición das verbenas galegas coa elegancia da música sinfónica
Este venres 30 de agosto ás 22.00 horas na praza do Seixo
Infogauda / Tomiño
Tomiño vai de verbena coa Agrupación Musical de Goián. Músicos e músicas xa teñen todo listo para facer desfrutar ao público cunha edición moi especial do seu tradicional concerto de verán, unha cita inesquecible na que a veciñanza tomiñesa e ás persoas visitantes, gozarán de balde dunha orixinal ‘Verbena Sinfónica’ este venres 30 ás 22.00 horas na praza do Seixo.
O espectáculo ofrecerá ao público unha experiencia única na que a tradicional verbena galega será protagonista, coa súa mestura de xéneros musicais como o chachachá, a copla, o pop ou o rock, e estará enriquecida pola elegancia da música sinfónica. Unha noite de verán máxica chea de música e emocións baixo a dirección musical e os arranxos do mestre e pianista Alfredo Susavila, que reúne a talentosos artistas para crear unha experiencia única.
Os vocalistas Silvia Ferre e Pedro Regueira, acompañados polos instrumentistas Carlos Calviño nas guitarras; Pachi Cruz no contrabaixo e no baixo eléctrico; Carlos Bastón, na batería; e o propio Alfredo Susavila, no piano e teclados, únense para ofrecer un espectáculo cheo de enerxía e creatividade. Unha formación á que se suma a banda da Agrupación Musical de Goián, composta por músicas/os apaixonados e dedicados para acadar unha amálgama de sons inesquecible.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosou a súa emoción por ofrecer á veciñanza un espectáculo como a ‘Verbena Sinfónica’ da Agrupación Musical de Goián, “unha mostra da capacidade de reinventar as nosas tradicións sen perder a súa esencia. Será. Unha noite para lembrar na que a música unirá a todas as xeracións nunha praza que vibrará como sempre ao son da Agrupación Musical de Goián”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario