1 de ago. de 2024

TOMIÑO

Tomiño xuntarase este venres para ver e apoiar a Manu Ochoa nos Xogos Olímpicos de París

 A cidadanía, que xa lle expresou os seus ánimos a través das redes sociais, reunirase no Mercado da localidade para ver en conxunto a primeira fase cara á final  


Manuel Ochoa Fernández
Foto: Stefan Brending

Infogauda / Tomiño

 Os nervios e a expectación reinan en Tomiño coa participación nos Xogos Olímpicos do primeiro tomiñés da historia, Manuel Ochoa Fernández (Manu), o padexeiro que competirá na modalidade de kayak cross, que se estrea este ano. 

 Toda a localidade está entregada co acontecemento, polo que este venres día 2 de agosto poderán reunirse no Mercado de Tomiño para ver a primeira proba na que Manu Ochoa participa en París. A cita, na que veciños e veciñas animarán ao deportista na distancia, está convocada para as 15.15 h, minutos antes de que teña comezo. 

 Este primeiro evento será unha proba cronometrada que determinará que deportistas se clasifican para os emparellamentos. E xa nos sucesivos días, no esperado caso de que o tomiñés continúe na competición, poderemos ver no mercado como irá avanzando de rondas o 3 de agosto ás 16.30 h ou na repesca das 18.35 h e o día 4 ás 15.30 h, ata chegar á final, o día 5 de agosto. 

 Nesa xornada celebraranse os cuartos de final, a semifinal e a final de xeito continuado, e de novo a poboación de Tomiño poderá reunirse, neste caso ás 15.40 h, para ver xuntos si Manu consigue volver a casa cunha medalla no pescozo.  

 Un logro sen dúbida que ben merece o deportista, que dende os seus inicios no club Deportivo Miño- Teixugos foi un exemplo de traballo e constancia, proclamándose recentemente gañador da Copa do Mundo en Praga. 

 Unha temporada olímpica que pasará á historia do concello por partida dobre, coa presenza tamén do tomiñés Daniel Costa Bouzada, como adestrador da Federación Española de Piragüismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario