A Deputación de Pontevedra reparte 250.000 euros entre as confrarías e agrupacións de mariscadoras para que poidan afrontar investimentos e gastos correntes
En total son 22 agrupacións de 18 concellos os que reciben as achegas, que se reparten entre 75.000 € para investimentos e 150.000 € para gasto corrente, a novidade deste ano
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de case 250.000 euros para que 22 confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras de 18 concellos da provincia poidan afrontar investimentos e gastos correntes. "Demostramos con estas achegas con feitos e non só palabras que estamos onde debemos estar, ao carón dos pescadores e das mariscadoras –asegurou o presidente provincial, Luis López-. Apoiándoos en momentos complicados como este, porque esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural".
En total, repártense case 75.000 € en achegas para inversión de 14 agrupacións de 12 concellos da provincia (A Illa de Arousa, A Guarda, Baiona, Cangas, Marín, Moaña, O Grove, Pontevedra, Redondela, Soutomaior, Vigo e Vilaboa), que irán desde os 600 ata os 20.000 euros, aproximadamente, e lles permitirán realizar inversións como a adquisición de vehículos, material de vixilancia, equipamento informático, básculas ou mobiliario, entre outras.
E outros 150.000 € para gasto corrente, a gran novidade deste ano, de 22 agrupacións de 18 concellos da provincia (A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Marín, Moaña, O Grove, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa). Neste caso as axudas oscilan entre 3.000 e 10.000 €, aproximadamente, para afrontar gastos de persoal, electricidade e combustible e a compra de semente, a maior demanda deste ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario