Aberto o prazo para solicitude da subvención a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais no concello do Rosal durante o 2024
A axuda está destinada a aqueles proxectos que realicen actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización ou de participación cidadá
Infogauda / O Rosal
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) vén de publicar o anuncio de aprobación da convocatoria e bases específicas para a concesión de actividades sociais no Concello do Rosal durante o ano 2024.
O prazo para a presentación de solicitudes iniciouse o pasado 24 de xullo, trala publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, e será de 15 días hábiles dende esa data. A solicitude poderá realizarse a través da Sede Electrónica do Concello.
Esta convocatoria, ten como obxectivo promover o benestar dos cidadáns a través de actividades que estean encadradas nos seguintes marcos de actuación:
- Proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas que se executen directamente con persoas en situación de risco/exclusión social.
- Proxectos de intervención co colectivo de persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional.
- Proxectos para a realización de actividades socioculturais e educativas destinadas á mellora da calidade de vida da poboación en xeral.
Poderán beneficiarse desta subvención aquelas entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades de prevención, asistencia e incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá, dentro do ámbito de intervención dos Servizos Sociais e para promover o benestar da cidadanía do Concello do Rosal.
Respecto ao financiamento da convocatoria, esta conta cun orzamento total de 10.000,00 €. O importe a conceder será unha contía fixa en función da clasificación derivada dos puntos obtidos por cada asociación, conforme a táboa do artigo 5 das bases.
Unha vez a Comisión técnica de avaliación analice as propostas en función dos criterios presentes nas bases, notificarase á entidade solicitante a proposta de resolución provisional, outorgándose un prazo de audiencia de 10 días hábiles para presentar alegacións.
Cabe mencionar que aquelas cuestións que respectan aos requisitos da subvención, así como aos criterios de avaliación, aos membros da comisión técnica de avaliación ou á resolución da subvención, quedarán recollidos no anuncio do BOPPO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario