7 de ago. de 2024

ECONOMÍA

A CIG rexeita o convenio da lousa asinado por UGT porque recorta dereitos consolidados unha vez máis 

A Federación de Construción denuncia que nin sequera inclúe cláusula de revisión salarial 


Foto: CIG

Infogauda / Ourense 

 A Federación da Construción e Madeira (FCM) vén de manifestar o seu rexeitamento ao convenio da lousa, asinado o pasado 1 de agosto pola UGT, porque non inclúe cláusula de revisión salarial en función do IPC; non ten carácter retroactivo, co que se perden os atrasos desde xaneiro; non se garante o 100% do salario en caso de accidente laboral e enfermidade profesional desde o primeiro día; introduce un recorte respecto do pactado nas baixas por IT e mesmo aplica recortes nos desprazamentos por morte dun familiar. 

 “Non compartimos os recortes de dereitos xa consolidados a cambio dun incremento salarial do 11%”, explica o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, que incide en que con este acordo non esta garantido o incremento dos salarios en relación coa suba da vida xa que non hai revisión do IPC, nin tampouco se recupera o poder adquisitivo perdido durante o anterior convenio, que foi dun 10.1%. Por iso conclúe que “o incremento pactado para estes tres anos apenas supera a perda de poder adquisitivo do anterior convenio”.  

 A FCM rexeita tamén que o incremento salarial non se aplique desde xaneiro, “perdendo como mínimo os ingresos de metade do ano, polo que podemos dicir que o incremento real de 2024 é da metade do que acordaron  para este ano”.  

Perda de dereitos 

 Xunto a isto sinala que os recortes de dereitos, que afectarán ás máis de 2.000 traballadoras e traballadores atinxidos polo convenio, tocan, por exemplo, ás baixas por enfermidade común. “O anterior convenio estipulaba que neste caso, e a partir do día 28 da enfermidade, pasarían a percibir, a conta da empresa, o 90% do total do salario, porén agora será a partir do  día 121, catro meses”. 

 Do mesmo xeito, en caso de enfermidade profesional tampouco se percibiría o 100%, quedando no 90%. A este respecto, o secretario nacional da FCM-CIG denuncia que “aínda habendo casos de accidentes, un dos principais problemas no sector é, precisamente, a enfermidade profesional por causa do po de sílice”. Situación na que o persoal afectado vería o seu salario recortado e, tal e como matiza Valencia, “todas elas con un máximo de seis mensualidades nun período de dous anos”.    

 O novo convenio tamén inclúe a delimitación en 200 km para poder acollerse nas licencias por morte aos 4 días por desprazamento, cando non figuraba tal delimitación.  

 Por iso, desde a Federación da Construción e Madeira da CIG, fan fincapé  en que “nas próximas eleccións sindicais se pense ben a quen se lle outorga a representatividade para negociar os dereitos” e o propio secretario nacional fai un chamamento ás traballadoras e traballadores a que depositen esa confianza na CIG, “porque nós negociamos sempre mirando os intereses das persoas traballadoras”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario