30 de ago. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés inicia a tempada 2024/2025 na casa fronte ao Xixón 

• A primeira xornada ligueira terá lugar este sábado 31 de agosto ás 20.00 horas no pavillón municipal A Sangriña 

• O equipo de A Guarda enfrontarase ao Motivemarket.com Gijón, ao que venceu nun amigable de pretempada o pasado 14 de agosto (14-27) 


Equipo do Mecalia Atlético Guardés para a tempada 2024-2025
Foto: M.A.G.


Redacción Deportes / A Guarda

 A tempada 2024/2025 da Liga Guerreras Iberdrola comeza este sábado na casa para o Mecalia Atlético Guardés. Este 31 de agosto, a partir das 20.00 horas, o pavillón municipal A Sangriña acollerá o encontro de primeira xornada entre o Mecalia Atlético Guardés e Motivemarket.com Gijón, a modo de reválida do amigable disputado entre ambos na cidade asturiana o pasado 14 de agosto. 

 Dúas semanas atrás, a contenda saldouse cunha ancha vitoria das visitantes (14-27), como parte dunha pretempada na que o equipo de A Guarda colleitou diferentes triunfos. O último deles, o pasado domingo na Sangriña, onde o Mecalia Atlética Guardés impúxose ao Balonmano Porriño tras un apertado encontro (29-26) para erguerse como campión da Supercopa de Galicia. 

 Este sábado, pola súa parte, o club chega ao choque tras todo un agosto cargado de balonmán e cun plantel en condicións lixeiramente diferentes. En primeiro lugar, continúa a baixa habitual de Blazka Hauptman debido á súa lesión grave no xeonllo, para cuxa recuperación o club haberá de esperar aínda uns dous meses. Á súa ausencia súmase á de María Sancha, que rompeu o cuarto metacarpiano da man dereita precisamente nese encontro de hai unhas semanas contra o Xixón. Dúas faltas notables, que levaron á adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra a reforzala convocatoria con Ángela Portela e Yanet Rodríguez, ambas de categorías inferiores. 

 Ademais, un número considerable de xogadoras pasou esta semana por un proceso gripal con febres elevadas, e malia que non chegou a xerar dúbidas sobre a participación de ningunha delas, a técnica terá que ter en conta os seus posibles efectos no estado físico do conxunto. 

 Por outra parte, o partido ante o Xixón supón a estrea ligueira das novas fichaxes - Carme Castro, Jazmín Lucero e Elena Martínez - do Mecalia Atlético Guardés de quen xa se puido gozar dunha impecable actuación na final da Supercopa galega.

 O Mecalia Atlético Guardés afronta este primeiro encontro, que será retransmitido por televisión na canle TVG2, coma un intento por manter as boas sensacións da pretempada. O equipo guardés disputou este mes un conxunto de seis partidos, dos cales unicamente asinou unha derrota na semifinal do torneo Summer Bag, caendo nos penaltis tras un empate co Bera Bera (26-26; 28-30 con penaltis). 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Traballamos moitísimo, mesmo cun plantel curto, pero as sensacións non son malas” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, explica as súas impresións ante este primeiro encontro ligueiro. “Vémolo coma un partido diferente de pretempada, pero temos moitas ganas de empezar a Liga. Traballamos moitísimo, mesmo cun plantel curto, pero as sensacións non son malas e queremos continuar así”, explica a técnica, aínda que admite que o equipo é consciente de que “non será un partido sinxelo” dada a dureza y boa forma do rival asturiano. 

 Trala pretempada, Seabra indica que as xogadoras terán que enfocarse en no novo obxectivo da Liga. “Temos que estar moi concentradas e enfocarnos esencialmente no que queremos e na nosa efectividade xeral”, explica, apuntando que a concentración será “unha parte importante para ter éxito este sábado”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 1 

Mecalia Atlético Guardés – Motivemarket.com Gijón 

Sábado, 31 de agosto, ás 20.00 horas 

Pavillón municipal da Sangriña (A Guarda, Pontevedra) 

En directo, retransmitido a través da canle da TVG2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario