13 de ago. de 2024

BAIONA

A Xunta de Galicia asina o convenio co Concello de Baiona para apoiar a contratación neste verán de auxiliares de Policía Local 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a importancia das axudas para reforzar a seguridade nos municipios turísticos cun incremento elevado de poboación na época estival


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, saudando as persoas auxiliares de Policía Local, contratados para o verán
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o convenio de colaboración para a contratación de auxiliares de Policía Local durante  o verán. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.  

 Baiona é un dos 11 concellos beneficiarios das axudas deste ano do Plan específico de subvencións para a contratación de auxiliares de policía local, que contan cun orzamento total de 145.000 euros para subvencionar as contratacións entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste 2024. Recibirá 18.500 euros de axuda para cubrir parte dos gastos salariais dos seus oito efectivos que reforzan estes meses o cadro de persoal de Policía Local no posto de auxiliares. Trátase da contía que lle corresponde segundo os criterios de selección por contar prazas de aloxamento que representan máis do 40%.  

 A axuda máxima pode acadar os 21.500 euros nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis do 75% sobre o total de habitantes, como é o caso este ano de Sanxenxo e O Grove. Nos municipios que como A Guarda, Miño e Poio, a porcentaxe supera o 20%, a subvención é dun máximo de 12.500 euros. Cangas, A Pobra do Caramiñal e Cambados recibirán 10.000 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é superior ao 15% e no caso de Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos a subvención será de 8.000 euros ao representar menos do 15%.  

 Polo tanto, Sanxenxo, O Grove, Baiona, A Guarda, Poio, Cangas, Cambados e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; así como os concellos coruñeses de Miño e A Pobra do Caramiñal, e o lucense de Monforte de Lemos, son os 11 concellos galegos que este ano percibirán as axudas á contratación de auxiliares de policía local.  

 Estes municipios respectan todos os criterios de selección da convocatoria, entre eles, contar con máis de 5.000 habitantes, experimentar na tempada de verán un incremento estacional de poboación e ter un mínimo de 1.000 prazas hoteleiras. Ademais, dispoñen da declaración como municipios turísticos galegos e dun corpo de policía local. Participaron tamén no proceso selectivo unitario convocado o pasado febreiro para a cobertura de postos de auxiliares de policía local e, alternativamente, teñen convocados procesos selectivos para cubrir postos desta categoría durante este ano.  

 Desde a posta en marcha deste plan, en 2012, o Goberno galego leva investidos máis de 1,1 millóns de euros no financiamento da contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán nos concellos turísticos da comunidade. Desta contía, máis de 141.500 euros corresponden ás contías achegadas a Baiona a través das distintas convocatorias.  Como sinalou o conselleiro de Presidencia, estas subvencións permiten reforzar a eficacia dos corpos policiais dos municipios beneficiarios e facilitar ás entidades locais a prestación de servizos a prol da seguridade de veciñanza e visitantes.  

 Durante a visita ao concello, Diego Calvo puxo en valor as medidas da Xunta para reforzar a seguridade nos concellos máis turísticos cun elevado incremento da poboación estacional na época estival. Xunto con este plan lembrou que 185 concellos galegos tamén se beneficiaron do apoio do Goberno galego para contratar persoal destinado ao servizo de vixilancia e rescate en instalacións e piscinas acuáticas.  

Outras liñas de axudas no concello 

 O convenio asinado hoxe non é o único apoio da Xunta á Policía Local de Baiona. O concello tamén resultou beneficiario este ano dun novo vehículo policial híbrido non enchufable financiado por 30.000 euros no marco do Fondo de Compensación Ambiental e xa o ano pasado adquirira outro eléctrico pola mesma contía e tamén a través desta liña.  

 O investimento nos últimos anos en melloras en infraestruturas municipais -como o proxecto de instalación do ascensor na casa consistorial concedido este 2024- e melloras ambientais achégase a 1 millón de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario