26 de xul. de 2024

TUI

A Xunta de Galicia comezou as obras de acondicionamento das vías próximas ao enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 

Os traballos iniciáronse coas melloras da drenaxe dunha canle fluvial entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551 e do pavimento do viario municipal afectado pola actuación nesta zona 


Realizaranse intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía
Foto: X.G.


Infogauda / Tui 

 A Xunta acaba de iniciar as obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui. 

 Esta actuación, na que a Administración autonómica inviste máis dun millón de euros, ten como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento autonómico de 26 M€. 

 En concreto, realizaranse intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía. 

 Os traballos comezaron esta semana coa mellora da drenaxe dunha canle fluvial entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551, e tamén coa mellora do pavimento do viario municipal afectado pola execución da obra, na mesma zona. 

 As intervencións no treito da N-551 incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil. Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación. No caso das actuacións na A-55, centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais. 

 Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da contorna do polígono.

Ningún comentario:

Publicar un comentario