4 de xul. de 2024

TUI

O GuillaFolk abre esta fin de semana a programación Tui,Verán na rúa

Celebrarase no torreiro de festas de Guillarei co  VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas  




Infogauda / Tui

 Coa celebración do GuillaFolk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra, de Guillarei, e coa colaboración do Concello de Tui, esta fin de semana comeza a programación Tui,Verán na rúa.

 Mañá venres 5 e o sábado 6, Guillarei converterase no epicentro da música e da cultura tradicional coa celebración do GuillaFolk, co VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas. O evento terá lugar no torreiro de festas de Guillarei e ofrecerá unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.  

 Tanto o venres coma o sábado, os máis pequenos poderán gozar con inchables e xogos populares a partir das 20 h. Tamén haberá exposición e postos artesanais.  

 Este venres, ás 22 h, comezará o VII Festival Folclórico coa actuación do grupo folclórico Lembranzas da Terra, de Guillarei, e o Grupo de Baile Erasmo Hernández, de Gran Canaria. Ao remate estará en concerto o grupo Algo pasa con Mery.  

 Mentres o sábado ás 12 h, na praza de San Fernando terá lugar a benvida por parte do Concello de Tui ás agrupacións participantes no IX Festival de Bandas. Unha hora despois, ás 13 h, xa no torreiro de festas, actuará en sesión vermú Terapia de Grupo. Nesta xornada haberá tamén unha clase mestra de baile tradicional. 

 Ás 22 h comezará o festival no que participarán a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra; a Banda de Gaitas A Ínsua, de Caldelas; e Donicelas. Pechará as actuacións o grupo Storrentos  

 O GuillaFolk será esta fin de semana unha cita ineludible para os amantes da música e da cultura tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario