O proceso construtivo da catedral centrará a nova visita guiada do Instituto de Estudos Tudenses
Será este mércores, 31 de xullo, ás 20.30 horas, a cargo da profesora da USC Marta Cendón
Infogauda / Tui
Este mércores, 31 de xullo, a partir das 20.30 h terá lugar unha nova visita do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que organiza o Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. Esta visita, que se iniciará na fachada norte da catedral, na rúa Párroco Manuel Rodríguez Vázquez, estará a cargo da profesora de Historia da Arte, da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández. Centrarase no proceso construtivo da catedral tudense e a pegada no exterior do templo catedralicio das diversas etapas deste proceso.
A investigadora tudense licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese sobre “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados diversos traballos de investigación recollidos en diversos libros e numerosos artigos. Entre os seus libros destaca "La catedral de Tui en época medieval", un templo ao que ten dedicado unha especial atención en numerosos traballos e proxectos de investigación. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte da época medieval en Galicia.
A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios Tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión, especialmente da catedral, agora que estamos encamiñados á celebración do 800 aniversario da súa consagración.
As seguintes vistas guiadas programadas son:
Xoves, 8 de agosto, ás 20.30 h
“Transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados”, por Juan José Perles Fontao, arqueólogo.
Inicio: praza do Concello.
Martes, 13 de agosto, ás 20.00 h
“Santo Domingo de Tui, ejemplo de arquitectura mendicante en Galicia”, por Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia.
Inicio: igrexa de san Domingos.
Martes, 20 de agosto, ás 20.00 h
“Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II”, por Suso Vila, doutor en Historia da Arte pola USC.
Inicio: oficina municipal de Turismo (Paseo da Corredoira).
Ningún comentario:
Publicar un comentario