Operación Sentinela Galega 2024
Abel Losada destaca a “total colaboración” do Goberno de España coa Xunta na loita contra o lume
• As Forzas Armadas despregarán no marco da Operación Sentinela un operativo integrado por 30 patrullas co obxectivo de realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención dos lumes en 39 concellos galegos
• Desenvolverase do 15 de agosto ao 30 de setembro, con posibilidade de prórroga en función das circunstancias
Foto: S. de G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá xunto a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o xeneral da Brigada "Galicia" VII (BRILAT), Alfonso Pardo de Santayana, a Operación Sentinela Galega 2024. O subdelegado do Goberno subliñou que “un ano máis e como veñen facendo desde o 2007, as Forzas Armadas colaborarán na loita contra os incendios forestais no noso territorio, no marco do convenio asinado coa Xunta de Galicia e amosando o compromiso do Goberno para dar resposta a esta problemática mediante a cooperación entre administracións”.
Losada informou de que este ano o Goberno pon a disposición da Xunta preto de 4.000 efectivos, entre a UME, Garda Civil, Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza, Tercio Norte da Armada e Exército de Terra, Garda Civil e Policía Nacional. Ao igual que en anos anteriores, haberá unha decena de aeronaves, entre avións, helicópteros, avións lixeiros e de recoñecemento, que se despregarán ao longo do verán e que permanecerán ata o 31 de outubro. No que respecta aos medios tecnolóxicos, indicou que ademais dos 30 drons que participarán na vixilancia dos montes a través da Operación Sentinela, estará dispoñible un novo dron de ataque terrestre que acaba de adquirir a Unidade Militar de Emerxencias.
Precisamente, o subdelegado defendeu e puxo en valor o traballo da UME “na loita contra os incendios forestais e noutras situacións de crise”. “Esta unidade sempre sae aplaudida das súas intervencións, o que demostra que a súa creación foi un enorme acerto, a pesar de que no seu momento foi cuestionada por algúns sectores políticos”, indicou.
O subdelegado incidiu na “traxectoria efectiva e exemplar” na protección dos nosos montes e da cidadanía do operativo Sentinela Galega o que levou á creación este ano en Canarias do operativo “irmán” Centinela Canario, que actuará no arquipélago durante este verán.
Así, este 2024 as Forzas Armadas despregarán no marco deste operativo un total de 30 patrullas e medios aéreos non tripulados do exército de Terra co obxectivo de realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención dos lumes en 39 concellos galegos, repartidos nun total de 8 distritos forestais que abranguen 4.414 quilómetros cadrados.
Entre as funcións destas patrullas, cuxo número poderá ser ampliable ata 75 no caso de nivel máximo de esforzo —na actualidade, medio—, atópanse as de vixiar e manter unha presenza disuasoria nas zonas asignadas, facilitar información aos servizos de extinción e notificar a Forzas e Corpos de Seguridade sobre aquelas persoas que puidesen estar implicadas na provocación de incendios intencionados. Neste sentido, o subdelegado quixo lembrar o “traballo fundamental que tamén realizan na loita contra os incendios forestais a Garda Civil e a Policía Nacional”.
Por último, Losada incidiu na importancia de “manter a colaboración e a cooperación interinstitucional para que a prevención e loita contra os incendios sexa eficaz”.
A Operación Centinela desenvolverase do 15 de agosto ao 30 de setembro, con posibilidade de prórroga en función das circunstancias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario