4 de xul. de 2024

PONTEVEDRA

A IGM lamenta a total eliminación da programación sobre memoria na Deputación de Pontevedra  

A plataforma, que agrupa a asociacións de memoria de todo o país, solicitou por rexistro unha entrevista co presidente, Luís López, para pedir a reactivación das actividades sobre a materia  

Malia anunciarse a continuidade do departamento, en doce meses apenas transcenderon sendas entrevistas coa Fundación Bóveda e Castelao, sen resultado ningún, e a presentación dun libro de memorias xa contratado polo goberno anterior  




 IGM / Pontevedra

 A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a asociacións memorialistas e culturais de todo o país, vén de presentar no rexistro da Deputación de Pontevedra un escrito solicitando unha entrevista co presidente do organismo, Luís López, a fin de instalo a recuperar a programación sobre memoria que se viña realizando nos últimos anos e que ficou totalmente paralizada desde a súa chegada á presidencia.  

 A plataforma lamenta que a celebración do seu primeiro aniversario como presidente non puidera incluír ningún balance nesta materia xa que,  segundo o transmitido á opinión pública, as únicas actividades  realizadas en doce meses foron sendas entrevistas coa Fundación Alexandre Bóveda e a Fundación Castelao, das que non transcendeu consecuencia ningunha, e a recente presentación dun libro de memorias dun fuxido, xa contratado polo goberno anterior. Malia que, tras a constitución do goberno provincial, no 2023, anunciouse a continuidade do departamento e fíxose público que o lideraría o deputado pontevedrés Rafael Domínguez, non han transcendido nin as súas liñas de traballo nin os resultados da labor desempeñada neste período polo funcionariado adscrito. 

 A IGM agarda que, no que resta de mandato, a Deputación de Pontevedra recupere as liñas de traballo que a converteran nunha referencia na loita polo dereito á verdade, á xustiza e á reparación  que consagra o dereito internacional, e que no período anterior se viñan realizando man a man co movemento memorialista.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario