1 de xul. de 2024

OURENSE

Saúde Mental FEAFES Galicia atende a persoas con problemas de saúde mental no rural de Ourense 

Un ano máis, a través do programa Senda pola Saúde Mental, que conta coa financiación de Fundación “la Caixa”, Saúde Mental FEAFES Galicia presta apoio e acompañamento a 25 persoas con problemas de saúde mental e 13 familias en concellos de Baixa Limia, Terras de Celanova, Pobra de Trives e Viana do Bolo. 

O 2 de xullo realizarase un acto de peche do segundo ano de traballo neste proxecto, que terá lugar ás 11:30 na Porta do Parque de Entrimo e contará coa presenza de representantes de Fundación “la Caixa”, dos concellos participantes e das persoas usuarias da entidade.   


Foto: Saúde Mental FEAFES Galicia

Ana Escrigas / Ourense

 O martes 2 de xullo, a Porta do Parque de Entrimo acollerá o acto de peche do segundo ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental, un proxecto financiado por Fundación “la Caixa” e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia que dá resposta ás necesidades de atención, apoio e acompañamento que teñen as persoas con problemas de saúde mental nas zonas rurais, concretamente nas comarcas da Baixa Limia, Terras de Celanova, Pobra de Trives e Viana do Bolo. 

 O acto dará comezo ás 11:30 e contará coa presencia de Susan Santos Morales, xestora territorial de Fundación “la Caixa” en Galicia; Ramón Alonso López, alcalde de Entrimo; Teresa Barge Dapía, concelleira de Igualdade e Integración Social de Celanova; e de Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. Tamén esperamos poder contar coa presenza de María Tajes Alonso, xefa do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras; aínda por confirmar.  

 Contará tamén cunha mesa redonda na que intervirán Félix Alonso, técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia; Débora, traballadora social do Centro de Saúde de Celanova, Bande e Entrimo; e dúas persoas usuarias do programa. Neste coloquio, as catro persoas contarán, dende os seus distintos papeis no programa Senda Pola Saúde Mental, en que consiste este proxecto e que vantaxes aporta ás persoas con problemas de saúde mental que se benefician del. Tras a celebración do acto, todas as persoas asistentes gozarán duns petiscos. 

ACTO DE PECHE DO PROGRAMA SENDA POLA SAÚDE MENTAL 

Data: martes 2 de xullo de 2024 

Hora: 11:30 a 12:30 

Lugar: Porta do Parque de Entrimo (Estrada a Queguas, nº 12, Entrimo, Ourense)    

A saúde mental no rural, unha realidade desatendida 

 A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos. 

 Por iso, desde xullo de 2022, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Senda Pola Saúde Mental en colaboración coa Fundación “la Caixa”. O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais, traballando en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada unha delas. 

 Neste segundo ano de implantación do programa, aumentamos as nosas zonas de actuación. Traballouse con 25 persoas en concellos da Baixa Limia (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande e Lobeira), na Mancomunidade de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramiráns e Verea), na Pobra de Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán do Río) e en Viana do Bolo (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna. 

 Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario