7 de xuño de 2024

VAL MIÑOR

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño inicia un proxecto pioneiro de rutas sostibles con intelixencia artificial 

Os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona explorarán esta experiencia piloto que permite personalizar os plans das e dos visitantes fomentando a economía circular no territorio 


Jesús Vázquez Almuiña, Paco Ferreira e Juan González, alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente
Foto: EuRural

Infogauda / Val Miñor

 As novas tecnoloxías ao servizo do desenvolvemento turístico sostible do territorio. O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño colabora con MyStreetBook-Ecotours, unha iniciativa a través da que lanzará un proxecto piloto para implementar a intelixencia artificial para a recomendación e creación de rutas sostibles e o cálculo da pegada de carbono no territorio.  

 Os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona serán os encargados de explorar e probar esta iniciativa que comezará promovendo o desenvolvemento turístico intelixente e sostible, aproveitando as riquezas culturais, turísticas e naturais da comarca do Val Miñor e ten por obxectivo implantarse no resto do territorio. 

 A presidenta de EuRural, Sandra González, destaca a importancia de participar neste proxecto. “A colaboración con MyStreetBook-Ecotours permitirá aos nosos municipios non só promocionarse de xeito innovador e personalizado, senón tamén fomentar un turismo de calidade e respectuoso coa contorna. É un paso adiante na consolidación do territorio a través da dixitalización dos recursos turísticos e a promoción dos produtos e servizos locais”, resalta.  

 O proxecto ten por obxectivo a creación de rutas turísticas intelixentes e sostibles entre os municipios, utilizando un sistema de intelixencia artificial que promociona os destinos e personaliza os plans de viaxe segundo os gustas das persoas visitantes. Deste xeito, o proxecto dá un paso máis alá da transformación dixital do sector creando un sistema de hiperpersonalización tan demandado na actualidade que abarcará dende a etapa inspiracional, a planificación da viaxe, a estancia en destino e a viaxe de regreso.  

 Ademais, a iniciativa inclúe unha plataforma de xestión intelixente centrada no contido cultural, turístico, natural e comercial, permitindo así medir a pegada ecolóxica das actividades das e dos viaxeiros. O obxectivo é xerar economía circular arredor da consolidación da economía local do territorio aproveitando a dixitalización dos recursos turísticos e a promoción de produtos e servizos locais.  

 Nigrán, Baiona e Gondomar contan cunha rica diversidade de recursos que facilitará a creación de rutas atractivas e sostibles, aspecto clave para atraer novos perfís de visitantes. Existe ademais multitude de oferta pouco coñecida polas e polos viaxeiros ou non dixitalizada, polo que tamén se buscará a inclusión de recursos tanto estáticos que se visualizarán de xeito cómodo e intuitivo e que se xeoposicionará no territorio para facilitar unha experiencia diversa. 

 Os alcaldes de Nigrán, Juan González; de Gondomar, Paco Ferreira; e de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalan a importancia de contar con estas ferramentas “nun territorio comprometido cun desenvolvemento turístico sostible e innovador”. Os rexedores recalcaron a importancia que supón contar “cunha ferramenta de mobilidade intelixente que poderá ofrecer mapas interactivos incluso por temática”. 

 Para conseguilo, o proxecto inclúe a creación dunha base de datos unificada con información dos recursos turísticos, comercios, aloxamentos e empresas locais integrando contidos xa existentes con nova información que, conectada á intelixencia artificial, permitirá recomendar e crear percorridos en función de gustos, perfís e necesidades da e do viaxeiro.  

 MyStreetBook forma parte do proxecto europeo ‘Ecotours Empowering local communities turning them into laboratories for co-development of circular and sustainable tourism ecosystems’ - que en galego vén sendo Ecotours Empoderar ás comunidades locais converténdoas en laboratorios para o codesarrollo de ecosistemas turísticos circulares e sostibles’ -, unha iniciativa concedida pola European Innovation Council and SMEs Executive Agency (EISMEA) que está desenvolvendo proxectos pilotos en Italia, Grecia, Francia, Hungría, Chipre e España, onde a iniciativa está a ser coordinada pola Universidade de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario