7 de xuño de 2024

TURISMO

A presentación da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, foi acollida en Madrid por Martínez-Almeida  

O evento gastronómico celebrarase o 5, 6 e 7 de xullo no porto de A Guarda 

 

O alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida exerceu como padriño desta edición
Foto: C.A.G.

Infogauda / Madrid

 O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, xunto co tenente alcalde, Óscar Alonso, e dous representantes de restaurantes locais desprazáronse ata Madrid para presentar unha das festas máis recoñecidas da vila, a XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. O acto tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, onde foron acollidos polo seu director, Javier Vázquez.  

 Máis de 100 asistentes comprobaron a calidade dos produtos que se ofertarán na festa: a protagonista, a langosta, mais tamén a rosca de xema, percebes, viño do Rosal,… Entre os invitados estaban autoridades como Marta Rivera de la Cruz, exconselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Comunidade de Madrid; diversos concelleiros de Madrid, e numerosos profesionais relacionados co sector turístico e gastronómico, moitos dos cales descoñecían a vila e a súa festa e quedaron sorprendidos pola súa beleza.  

 Roberto José Álvarez Carrero presumiu dos encantos guardeses, tanto das súas paisaxes e historia como da súa xente. Tamén quixo recordar a todos aqueles galegos que viven en Madrid e  regresan cada ano durante as súas vacacións. Para rematar a súa intervención, invitou a todos a visitar á vila guardesa, xa que, como afirmou “A Guarda e a súa festa deixan pegada”.  

 Pola súa parte, o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida exerceu como padriño desta edición, e dedicou numerosos eloxios á vila galega. Almeida confesou que tras realizar todas as rutas do Camiño de Santiago, a que máis desfrutou foi precisamente a que comezou desde A Guarda ata Mougás. Ademais, agarda volver á vila para desfrutar de novo da súa gastronomía.  

 A tradicional cita gastronómica celebrarase os días 5, 6 e 7 de xullo no porto de A Guarda. Haberá unha carpa de 1.000 metros cadrados que acollerá o lugar de degustación dos produtos dos catro restaurantes participantes: Casa Olga, O Cangrexal, O Roxo e Xeito. Ademais da protagonista, a lagosta, os asistentes poderán probar ata 20 produtos do mar como camaróns, mexillóns, cigalas, vieiras,..., e outras propostas como o polbo á feira, paella mariñeira, choco guisado, empanadas, croquetas,...  

 Iso non é todo, xa que como sobremesa ofrecerase a típica rosca de xema guardesa e Adegas Novás ofertará dous tipos de viños, albariño e Rosal, ambos con Denominación de Orixe Rías Baixas.  

 Ademais da oferta gastronómica, a programación cultural e de entretemento será ampla para acompañar eses días no porto guardés. Ao longo do mes iranse coñecendo as actividades e actuacións que se agardan para esa fin de semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario