17 de xuño de 2024

TUI

A nova área lúdico recreativa en Chans do Carrasco ofrece un novidoso espazo de lecer 


A "Arbore dos desexos", que no nadal fixo realidade as peticións dos nenos e nenas das familias que axuda SOS Tomiño Baixo Miño foi plantada neste lugar
Fotos: C.T.

Infogauda / Tui

 Tui conta cun novo parque infantil e área de lecer en Chans do Carrasco (Randufe). Dende hai uns días este novo espazo está xa aberto para o seu gozo pola poboación.  

 A actuación realizada supuxo un investimento de case 300 mil euros, e enmárcase  na liña de traballo iniciada para mellorar e acondicionar os parques infantís e áreas de lecer no municipio.  

 O novo parque de Chans conta con diferentes elementos lúdicos, bancadas, novas luminarias e un tótem informativo.  Destaca o parque infantil de seguridade vial cun circuíto para a aprendizaxe e disfrute dos máis pequenos e pequenas, e dispón de elementos clásicos de xogos coma randeeiras e tobogáns  xunto a elementos máis novidosos de xogos, adaptados a todas as idades e capacidades. Ademais, nesta actuación foron acondicionadas as pistas deportivas, instalados biosaudables, creouse un espazo para bicicletas e unha zona delimitada de aparcamento. A actuación realizada integrouse co palco existente e co lavadoiro de As Chans que foi recentemente restaurado. Asemade esta área conta con zonas verdes. 

 Precisamente nun destes espazos foi plantada a “Árbore dos Desexos”, unha iniciativa que xurdiu de Miguel Veiga, e que no nadal estivo na praza da Inmaculada para facer realidade os desexos dos nenos e nenas das familias ás que axuda SOS Tomiño – Baixo Miño.  Precisamente Miguel Veiga amosou a súa satisfación porque esta “Árbore dos Desexos” poida crecer nun entorno coma o parque de Chans, co que dixo “se pecha o círculo desta iniciativa que naceu para axudar a uns nenos que están menos favorecidos para darlles un bonito nadal, e que agora neste parque os nenos sigan xogando nun espazo que representa tanto, o amor, o cariño, a amizade, o querer facer cousas bonitas, e seguir traballando para lograr un mundo mellor”.  Avanzaba que comezaron xa as primeiras conversas para dar continuidade á Árbores dos Desexos en cada nadal en Tui.  

 Dende SOS Tomiño-Baixo Miño agradeceron esta iniciativa, do mesmo xeito que o fixo o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientando que esta idea solidaria conta co respaldo da institución municipal. Quixo tamén o rexedor tudense agradecer o labor solidario que realizan dende SOS Tomiño Baixo Miño.  

 A actuación realizada no parque de Chan supuxo un investimento de 298.653,69 €  do que  287.648,75 € foron financiados con cargo ao Plan Concellos 2022-2023 da Deputación Provincial. A obra foi executada pola empresa Construcciones, Obras Y Viales S.A. COVSA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario