17 de xuño de 2024

TUI

Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial de Tui, doa ao concello o seu arquivo e biblioteca

Na presentación do novo número da revista “Castellum Tyde”, asinouse o acordo de doazón


Vista do acto de presentación do noso número da revista "Castellum Tyde", e o alcalde de Tui co cronista oficial da cidade
Fotos: C.T.

Infogauda / Tui

 Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial de Tui, doa o seu arquivo, biblioteca e colección artísticas ao Concello de Tui.  

 Así se anunciou o pasado venres, 14 de xuño, na presentación do novo número da revista “Castellum Tyde”, editada polo Instituto de Estudios Tudenses co patrocinio do Concello de Tui, que precisamente está dedicado á figura deste investigador tudense.  

 No mesmo acto produciuse a sinatura deste acordo de doazón entre Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui, e o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro González. Neste documento recóllese a vontade do doante de que este legado forme unha colección específica co seu nome e sexa conservado polo concello tudense garantindo o acceso libre e gratuíto ao público en xeral e especialmente aos estudosos sobre a nosa cidade.  

 Tamén se recolle neste acordo que o doante, ou a súa irmá, serán usufrutuarios destas coleccións namentres vivan, pasando ao poder do Concello de Tui a partir daquel momento.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, gabou a xenerosidade de Ernesto Iglesias Almeida ao depositar no concello da súa cidade este importante conxunto bibliográfico e documental expresando nunha nova oportunidade a súa entrega a prol de Tui, que ten sido o centro das súas investigacións e estudos. O rexedor tivo tamén palabras agarimosas de lembranza para Juan Lima Pardo, propietario de Gráficas Juvia, recentemente falecido e que colaborou activamente neste acordo de doazón.  

 Previamente foi presentado o novo número de “Castellum Tyde: revista do Instituto de Estudios Tudenses” que chega a súa novena entrega, na que participaron a vicepresidenta do IET, Marta Cendón Fernández, xunto a Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego, que fixo unha ampla semblanza da figura de Ernesto Iglesias, a quen vai dedicado este número da revista, así como do contido da mesma que abrangue unha ducia de traballos doutros tantos investigadores sobre Tui e o ámbito territorial das antigas diocese e provincia tudense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario