17 de xuño de 2024

BAIONA

Xunta Local de Seguridade 

Abel Losada anima ao Concello de Baiona a reincorporarse ao sistema VioGén de protección ás vítimas de violencia de xénero  

Salienta a “evolución moi positiva” do municipio en canto a cifras de criminalidade 

 

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá xunto ao alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a Xunta Local de Seguridade deste concello
Foto: S. de G.

Infogauda / Baiona 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá xunto ao alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a Xunta Local de Seguridade deste concello. No encontro tamén estivo presente o coronel da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e os responsables locais da Benemérita e da Policía Local. 

 Abel Losada solicitou formalmente que Baiona volva incorporarse ao sistema de protección das vítimas de violencia de xénero (VioGén) ao que xa se tiña adherido en 2011, se ben no renovou posteriormente o convenio co Ministerio do Interior. Desde o Concello, o alcalde recolleu esta demanda e comprometeuse a valorar de novo a adhesión do municipio a este sistema o ano que vén. O subdelegado lembrou que ao tratarse dun concello con Policía Local cun número axeitado de efectivos sería adecuado que asinase este acordo para que a Policía Local puidese colaborar na protección das vítimas, como xa fan outros 17 concellos da provincia. Neste eido recordou que isto suporía un incremento dos fondos que recibe do Pacto de Estado de Violencia de Xénero. A día de hoxe, Baiona contabiliza 13 vítimas de violencia de xénero e 14 agresores.  

 Ademais, o coronel Venzal deu conta de que Baiona acollerá o ano próximo os actos con motivo do aniversario da fundación do Corpo, collendo así o relevo de Tui. Será o 13 de maio próximo. 

 Doutra banda, Abel Losada destacou que a criminalidade presenta unha evolución moi positiva en Baiona, pois tras o descenso dun 10,1% das infraccións penais graves e menos graves producido no ano 2023, no que vai deste 2024 (xaneiro-maio) acumúlase xa outra redución do 15,8%. O mesmo sucede cos delitos leves, que suman á baixada do 21,7% do ano pasado outro 29,3% nestes cinco primeiros meses de 2024. Finalmente, as infraccións administrativas que tiñan baixado un 37,3% en 2023, subiron un 35,2% no que vai de ano. Se a estes datos se suma a taxa de criminalidade que é de 37 delitos por cada mil habitantes, fronte os 51 da media española, conclúese que Baiona é un concello moi seguro. 

 O subdelegado tamén informou dos resultados do Plan Director para  a Convivencia e a Seguridade nas contornas dos Centros Educativos dando conta da participación de 38.000 persoas na provincia durante o ano pasado, a maior parte pertencentes ao alumnado dos centros de educación infantil e secundaria. Losada informou de que o pasado ano participaron en Baiona nas actividades do Plan Director 733 alumnos e alumnas, 46 profesores/as e 15 pais e nais. 

 Así, Losada pediu que o Concello se sume á organización destas actividades formativas a cargo da Garda Civil, convocando ás ANPA ao comezo do próximo curso escolar para  poder celebrar charlas especificamente dirixidas ao colectivo de nais e pais. Estas sesión están dirixidas á protección da infancia diante das ameazas da ciberdelicuencia e a delincuencia en xeral, así como a fomentar a convivencia nos centros. O subdelegado insistiu na necesidade de reforzar a participación dos proxenitores nas sesión do Plan Director e a Subdelegación está tratando de impulsar de maneira pioneira a celebración de sesións conxuntas, agrupando a tódalas ANPAS de cada Concello, nalgún local municipal, garantindo así o incremento da afluencia. Tamén esta petición foi favorablemente acollida polo alcalde. 

 Na Xunta tamén se analizaron os dispositivos especiais de seguridade postos en marcha para a Festa da Arribada, que contará na próxima edición coa colaboración de efectivos da Garda Nacional Republicana de Portugal. Así mesmo, expúxose o operativo de seguridade para a décima etapa da Volta Ciclista a España que o día 27 de agosto finalizará o seu percorrido en Baiona.  

 Finalmente, o subdelegado informou polo miúdo sobre a normativa vixente en materia de autorización de espectáculos pirotécnicos ao obxecto de optimizar a seguridade nos festexos locais. A este respecto explicouse que se se utilizan ata 50 Kg de material pirotécnico debe notificarse á Subdelegación cunha antelación de 10 días. Para cantidades de ata 100 Kg debe, ademais, presentarse un plan de seguridade. Finalmente, se se utilizan máis de 100 Kg de explosivos é preceptivo non só notificalo con 15 días de antelación, senón que, ademais, é obrigado obter a autorización expresa da Subdelegación do Goberno. En tódolos casos, debe, ademais, disporse de toda a documentación establecida polo Regulamento de Artigos Pirotécnicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario