Este sábado realizarase o roteiro da Pedra Santa e o río Lagartón
• Sairá ás 10 h dende a ponte na Veiga do Louro para realizar un percorrido de 8 quilómetros.
Infogauda / Tui
Unha andaina de gran valor natural e cargada de lendas será a que se realizará este sábado, 25 de maio, dentro das Rutas de Natureza que organiza o Concello de Tui. Ás 10 h dende a ponte situada na Veiga do Louro, partirá o Roteiro da Pedra Santa e o río Lagartón guiada por José Martínez Tato de AndaTui. O percorrido de 8 quilómetros, de dificultade baixa, irá dende a senda do Lagartón até a Pedra Santa, pasando por Guillarei, pola senda e o pontillón do Louro até chegar á Ponte das Febres onde terá lugar unha actuación de música tradicional galega, e se contará cuns petiscos doces xentileza do club Anda Tui. De regreso pasarase pola igrexa da Virxe do Camiño, onde Martínez Tato contará a lenda deste lugar, e regresaráse ao punto de partida.
As persoas interesadas deben inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05 ou no correo turismo@tui.gal.
Trilho da Fortaleza
Por outra parte este domingo, 26 de maio, dentro do circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade terá lugar o Trilho da Fortaleza, que sairá ás 10 h (ES) dende as Portas do Sol, en Valença. Trátase dun percorrido de 5 quilómetros de marcado interese histórico e cultural. Neste caso o prazo de inscrición pecha este xoves e pode realizarse a través da web andatui.es.
Ningún comentario:
Publicar un comentario