21 de maio de 2024

O ROSAL

O Rosal acolle unha edición do programa Galegas Dixitais  

 Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nesta formación gratuíta dirixida á dixitalización das mulleres  

 Celebrarase unha reunión informativa este venres 24 de maio ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello  




Infogauda / O Rosal  

 O Rosal vai acoller dende este mes de maio unha edición de Galegas Dixitais, un programa de formación gratuíto dirixido á dixitalización de mulleres en situación de desemprego organizado por Be Project e Ara Formación en colaboración co Concello. Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase “dunha oportunidade para favorecer a empregabilidade das nosas veciñas e reducir a fenda de xénero, pero tamén unha forma de axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento económico no noso municipio”. 

 Con 120 horas de duración, a formación impartirase no Centro de Formación A Mata do 28 de maio ata o 3 de xullo. As clases serán de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e dividiranse en tres etapas nas que se abordarán competencias dixitais para o día a día, para o traballo e para o negocio. Este venres 24 de maio ás 12.00 horas o salón de plenos do Concello acollerá unha xuntanza previa informativa.  

 O programa está dirixido a mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego empadroadas no Rosal e contará con prazas limitadas. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse a través da web de Galegas Dixitais e solicitar máis información no teléfono 986 203 762 ou enviando unha mensaxe de  WhatsApp ao 604 039 575. 

 Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo e un ordenador portátil de agasallo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario