21 de maio de 2024

DEPORTES

 PIRAGÜISMO

BOS RESULTADOS DOS TEIXUGOS, CUNHA MEDALLA DE BRONCE NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM 

 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con sete piragüistas que o deron todo nas augas do río Xallas



Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Esta fin de semana celebrouse no Couquiño, en Dumbría, a 1ª Copa de España de Promoción de Slálom, dando comezo as probas da Liga Española de Promoción, na que participan deportistas de toda España das categorías cadete e Infantil. Houbo récord de participación con máis de 200 deportistas de vinte clubs de todo o país. O sábado foron as clasificatorias, os dez mellores de cada categoría pasaron á final A, e o resto á final de consolación, finais que tiveron lugar  o domingo.  

 O Club Deportivo Miño-Teixugos, despois de varios anos sen participar por falta de deportistas da categoría, acudiu con sete piragüistas que o deron todo nas augas do río Xallas.  


Leila Álvarez- no podio, a der.-, en K1 Infantil, disputou a final A e rematou terceira acadando a medalla de bronce

 A mellor actuación foi a de Leila Álvarez que en K1 Infantil, que disputou a final A e rematou terceira acadando a medalla de bronce. Nesa mesma final tamén estiveron Nerea Álvarez que rematou en quinto lugar e as irmás Catalina e Beatriz Sánchez que remataron sétima e oitava, respectivamente.  

 En C1 Infantil B, Nerea Álvarez, tamén fixo final A, rematando cuarta.  

 En K1 Home Infantil B, Alejandro Barreiro e Leo Álvarez foron undécimo e décimo cuarto, respectivamente, na final de consolación.  

 Finalmente, Brais Álvarez foi décimo noveno na final B de K1 cadete.  

 A clasificación final por clubs estivo encabezada coma sempre polos equipos vascos e catalás, o Deportivo Miño-Teixugos rematou oitavo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario