9 de maio de 2024

O MORRAZO

REMATA SEN ACORDO A REUNIÓN ENTRE PERSOAL DE AMBULANCIAS DO ATLÁNTICO E A CONSELLERÍA  

O empresario Carlos Simón aproveita a tregua nas negociacións coa Xunta para actuar acosando ao persoal e continuar cos impagos


Unha das ambulancias que presta actualmente o servizo para o 061

Óscar Graña / O Morrazo

 A reunión mantida hoxe entre responsables do Sergas e o 061 coa representación da CIG, CCOO e USO, fracasa tras incumprirse por parte da administración os acordos alcanzados na anterior xuntanza e pola negativa a asumir novos compromisos.  

 Pese a que o empresario e administrador único da empresa continúa desaparecido, non se presentou á reunión ningunha das persoas que ostentan actualmente a dirección da compañía, tal e como estaba previsto. Tampouco se entregou un organigrama da dirección e se nomea como interlocutor a un avogado laboralista contratado pola empresa.  

 A día de hoxe, o persoal traballador da empresa descoñece a quen debe dirixirse para o máis mínimo acto administrativo ou realizar tarefas loxísticas simples como pedir un permiso laboral ou solicitar a reparación dun vehículo. A empresa está sumida nun auténtico caos sen o seu persoal saiba a que ordes de traballo debe atender e descoñecendo que cargo ostentan as persoas que actúan na actualidade supostamente en nome do empresario Carlos Simón.   

Acumúlanse as débedas ao persoal traballador e provedores  

 A representación sindical de CIG, CCOO e USO considera insalvable que os documentos de nóminas continúen sen entregarse, facendo imposible o cálculo e a posible reclamación xudicial do diñeiro que se lle debe á totalidade do cadro de persoal. 

 Outra das cuestións que aumenta o clima de crispación é a decisión do empresario de dar indicacións para que as nóminas que si se entreguen estean feitas deliberade e enrevesadamente mal co obxectivo de colapsar os servizos xuridicos dos sindicatos, posto que terían que calcular e refacer unha a unha as nóminas de todo o ano de 260 traballadores. Por este motivo, a RLT solicitou ao Sergas que asuma a elaboración das mesmas aproveitando o seu papel de interventor na empresa.     

 Sen embargo, o Sergas négase a asumir esa función, feito que en opinión da CIG, CCOO e USO, demostra unha nova mentira da Consellería no seu compromiso de intervir a empresa Ambulancias do Atlántico. Os tres sindicatos denuncian que, en realidade, a administración está a realizar un tímido papel de mero observador e que tan só lanza recomendacións ao empresario e a súa contorna.     

 Así mesmo, as débedas a provedores continúan acumulándose facendo moi complicado o traballo diario. Restricións de combustible, interrupción da limpeza dos centros de traballo e falta de reparacións nas ambulancias ou impagos de alugueres son, entre outros, algúns exemplos dos graves problemas económicos que asolan á Ambulancias do Atlántico, actualmente en bancarrota, que subsite a base de adiantos económicos da facturación do Sergas     

Nula intervención da administración     

 A Consellería de Sanidade aproveitou a reunión de hoxe para informar dos prazos previstos para resolver a gravísima situación actual que afecta ao servizo de transporte sanitario.     

 Con respecto ao servizo urxente, o vindeiro luns 13 de maio dará conta no Consello da Xunta do contrato de emerxencia para que se publiquen os pregos que permitan ás empresas licitar por un prazo de 6 meses prorrogable a outros 3 máis. De maneira que, segundo as estimacións do 061, unha nova empresa estaría prestando servizo En Vigo Cangas e Moaña dende o vindeiro 1 de xuño ata o 30 de novembro.     

 Sen embargo, a situación máis grave corresponde ao servizo programado que segundo o manifestado na reunión, o Sergas pretende continuar prestando servizo con Ambulancias do Atlántico e o seu administrador desaparecido durante como mínimo 4 meses máis.     

 Malia o manifestado polo Sergas á representación de CIG, CCOO e USO é moito peor, xa que teñen probas de que os cálculos de coste do servizo para unha nova licitación están mal realizados por mor da información incorrecta facilitada por Ambulancias do Atlántico, chegando incluso a incorrer novamente en falsedade documental.     

 As organizacións sindicais consideran que o estudo de costes publicado pola Consellería non inclúe o gasto real das nóminas do persoal nin dos subminstros. Por este motivo, sospeitan que o contrato do servizo programado volverá a quedar deserto tendo que prolongarse por máis tempo en mans do empresario Carlos Simón.      

Acusacións da dirección do 061     

 A representación sindical de CIG, CCOO e USO manifestou o seu malestar polas acusacións da Dirección do 061 responsabilizando á RLT de non ter paciencia, de non respectar a paz social e mesmo responsabilizando ás persoas traballadoras de supostos actos de sabotaxe.     

 Ademais, o Sergas considerara que nos atopamos nunha situación privilexiada posto que noutras situacións semellantes ocorridas noutras areas, a administración non se implicou tanto chegando a ter que recibir o pago das nóminas con cargo ao Fondo de Garantía Salarial pasados varios meses.    

 Para as organizacións sindicais estas manifestacións non fixeron máis complicar o dialogo poñendo fin á reunión e acusaron a Xunta de Galiza de non prestar atención ás obrigas legais que ten a administración en canto ao abono de salarios e cotas á Seguridade Social en caso de impagos pola empresa.     

 Tanto a CIG, CCOO e USO consideran que se o servizo se atopa actualmente en funcionamento e os pacientes están a recibir unha axeitada asistencia sanitaria, e grazas á implicación e responsabilidade do persoal sanitario de Ambulancias do Atlántico que ten que prestar servizo nunha situación tan complicada, cunha adicación digna de admiración.  

 Así mesmo, fixeron responsable á Consellería de Sanidade de non garantir o cobro de salarios nin os atrasos e acusaron aos seus responsables de realizar unha nula supervisión da xestión da empresa concesionaria.        

Acoso laboral     

 Mentres o persoal traballador está a respectar unha tregua durante as negociacións coa administración mantendo a paz social e mesmo chegando a desconvocar a folga prevista para o pasado 2 e 3 de maio, o empresario aproveita para aumentar o clima de crispación entre o persoal.     

 A representación sindical considera demostrado que Carlos Simón está a dar indicacións dende o seu exilio en Cataluña ao seu persoal de confianza para que actúen a modo de vinganza perseguindo a algúns traballadores con actos que poden supoñer penas de prisión para os actuais responsables da empresa. Por este motivo, estanse a preparar varias denuncias por acoso laboral, persecución, vulneración de dereitos sindicais e mesmo despedimentos que se sumarán as xa presentadas.    

Nova asemblea e posible folga     

 Na actualidade, non está garantido o abono das nóminas de maio antes do 1 de xuño, continúan sen satisfacerse as débedas de todo o ano ao persoal traballador, non se entrega a documentación que permite interpoñer no xulgado unha reclamación de cantidades, continúa o acoso laboral, a persecución aos traballadores e as carencias loxísticas afectan ao normal funcionamento do servizo.     

 Por todos estes motivos, a representación de CIG, CCOO e USO volverá a celebrar asembleas nas que prantexara unha nova convocatoria de folga así como recrudecer o calendario de protestas en espera dunha resposta por parte da Xunta de Galiza que se nega en rotundo a asumir directamente o servizo de asistencia e transporte sanitario público, cambiando o modelo actual de prestación do servizo con empresas concesionarias privadas.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario