22 de maio de 2024

ECONOMÍA

A limpeza da provincia de Pontevedra convocará folga se non hai acordo na mediación do convenio 

 Persoas traballadoras do sector mobilizáronse hoxe en Vigo para reclamar o desbloqueo das negociacións e unhas condicións laborais dignas  


Traballadoras/es do sector mobilizáronse de novo en Vigo esta mañá para reclamar o desbloqueo das negociacións e unhas condicións laborais dignas 
Foto: CIG


Infogauda / Pontevedra  

 Os sindicatos maioritarios na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra anunciaron hoxe que convocarán folga no outono no caso de que non se chegue a un acordo para pactar un novo convenio colectivo na mediación do AGA prevista a partir do vindeiro 17 de xuño. Traballadoras/es do sector mobilizáronse de novo en Vigo esta mañá para reclamar o desbloqueo das negociacións e unhas condicións laborais dignas.  

 A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na protesta celebrada en Vigo diante das instalacións do Grupo LHYP, na rúa Alcalde Lavadores, explicou que a mediación para intentar desbloquear as negociacións do convenio terá lugar o vindeiro 17 de xuño na cidade, pero antes as centrais levarán a cabo unha nova mobilización, que se desenvolverá diante de PSA o día 12. “No caso de que non se chegue a un acordo durante a mediación teremos un outono quente que incluirá convocatoria de folga”, adiantou a responsábel sindical.   

 A CIG, CCOO e UGT iniciaron recentemente un calendario de protestas para reclamar unhas condicións laborais dignas e denunciar o bloqueo das conversas por parte dunha patronal que insiste nunha suba salarial “de risa” e que non ten “nin o detalle” de compensar “todo o que pasaron as compañeiras/os durante a pandemia”, tal e como criticou Fernández.   

 Ao mesmo tempo, lembrou que o convenio leva caducado dende o 31 de decembro de 2022, coa conseguinte perda de poder adquisitivo, e que as negociacións para renovalo comezaron en febreiro de 2023. “Pero tras 16 xuntanzas non hai acordo porque a patronal négase a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada”. De xeito que o mes pasado romperon as negociacións e a parte social solicitou unha mediación ao AGA, que agora vén de confirmarse.  

 A responsábel sindical indicou que esta situación estase a repetir tamén nas provincias da Coruña e de Ourense, e antes na de Lugo. “O principal atranco é a actitude das Confederacións de Empresarios de cada provincia e da patronal estatal ASPEL”. E detallou que as reivindicacións das traballadoras/es pasan por un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo. Mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario