16 de maio de 2024

A GUARDA

O BNG INSTA NO PARLAMENTO GALEGO A CONSTRUÍR A SENDA PEONIL E CICLISTA DE CAMPOSANCOS 

 O portavoz municipal, Anxo Lois Baz, asegura que “a veciñanza non cree as promesas do alcalde Carrero despois dun ano de mandato” 


O deputado, Brais Ruanova Vilas-Boas - no centro -, e o portavoz municipal, Anxo Lois Baz Vicente, xunto con Beatriz Lomba Rodríguez, responsábel local do BNG, amosando as iniciativas rexistradas no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza desenvolva as actuacións necesarias para a construción da senda peonil e ciclista entre Camposancos e A Guarda


Infogauda / A Guarda

 O deputado, Brais Ruanova Vilas-Boas, e o portavoz municipal, Anxo Lois Baz Vicente, xunto con  Beatriz Lomba Rodríguez, responsábel local do BNG, fixeron públicas as iniciativas  rexistradas no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza desenvolva as actuacións necesarias para a construción da senda peonil e ciclista entre Camposancos e A Guarda. 

 O deputado no Parlamento galego, Brais Ruanova,  destacou a urxencia desta infraestrutura pola elevada carga de tráfico rodado que soporta a PO-352, sobre todo nos meses de verán. Unha estrada con tramos que non pasan dos 5 metros de ancho e que carece de  beiravías, o que ameaza a seguridade das persoas, ciclistas e tráfico rodado.  

 “A estrada PO-352 é de titularidade da Xunta de Galiza polo que debe asumir as súas responsabilidades en  infraestruturas e mobilidade, e facer  realidade esta demanda histórica da veciñanza de Camposancos e da Guarda”, indicou o deputado nacionalista. 

 O portavoz municipal, Anxo Lois Baz, afirmou, pola súa parte, que “a veciñanza da Guarda xa non cree as promesas do alcalde Carrero despois dun ano de mandato. E diante da senda de Camposancos, Carrero non pode esquecer as súas obrigas e dedicarse a facer oposición ao BNG. Mesmo sorprende o seu desleixo ao ignorar a existencia dun proxecto para esta senda do anterior goberno, grazas á presión da veciñanza de Camposancos”. 

 Beatriz Lomba, concelleira e responsábel do BNG da Guarda, manifestou tamén que “de anuncios e promesas xa estamos fartas, o que precisamos é que se poñan a traballar para facer realidade esta infraestrutura con prazos definidos e sen atrasos inxustificados”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario