22 de abr. de 2024

OIA

Oia renova a “Estrada Vella” grazas ás axudas para embelecemento do litoral da Xunta 

 O delegado territorial visitou o resultado das obras e destacou a importancia da colaboración entre os concellos e o goberno autonómico


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Oia
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Oia, onde comprobou o resultado das obras levadas a cabo grazas ás axudas para o embelecemento do litoral galego da Xunta.  

 Así, o concello de Oia recibiu 43.500 euros dentro da liña para transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral. Esta achega foi utilizada para a mellora das drenaxes, da accesibilidade e da integración paisaxística da chamada “Estrada Vella”, unha vía de preto de 2.6 quilómetros cunha gran importancia histórica e cultural e pola que, ademais, pasa o Camiño Portugués na súa variante pola costa.  

 Trátase da primeira convocatoria da liña de axudas para levar a cabo acciones de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral, posto en marcha por Turismo de Galicia con fondos Next Generation.  

 O delegado territorial destacou a importancia das axudas para o embelecemento do litoral que no pasado 2023 destinaron máis de 460.000 euros a sete concellos da área territorial de Pontevedra: “A costa é un dos motores económicos e culturais de Galicia, tanto pola relevancia do noso sector pesqueiro e marisqueiro, como por tratarse dun atractivo turístico que cada ano atrae á nosa terra a millares de visitantes”.  

 Cabe destacar que esta convocatoria de axudas contemplaba tamén outras dúas liñas de financiamento: Unha para unha transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo, e outra para o fomento da transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral. Como parte desta segunda liña, o concello de Oia recibiu outra achega de 15.000 euros que utilizou para a elaboración dunha guía turística interactiva.  

 Agustín Reguera rematou a visita lembrando a importancia de manter unha boa comunicación e colaboración entre institucións que permita “coñecer as necesidades dos concellos, de forma a idear plans de axudas e iniciativas que revertan a favor dos galegos e galegas”. O delegado adiantou unha maior inversión nos concellos da área territorial de Pontevedra na resolución da convocatoria deste 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario