16 de abr. de 2024

GOIÁN (TOMIÑO)

XANTAR REPUBLICANO NO 14 DE ABRIL

Cunha homenaxe a asociación Levada Libre, de Tui

Manolo Ferruxo agradecendo a entrega do premio da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Condado -Louriña 

 
Helena Pousa* / Goián

 O domingo 14 de abril, Día da República, un grupo de persoas que nos xuntamos a miúdo para actividades relacionadas coa Memoria Histórica, organizamos en Goián un Xantar Republicano. É igual ca en anos anteriores, neste xantar de amigos e amigas lembramos a Constitución de 1931 e lemos algúns dos seus artigos, especialmente os de fervente actualidade, como o que establece que “España renuncia a la guerra como instrumento de política nacional”. 

 Neste mesmo xantar facemos unha homenaxe a persoas ou asociacións que se significaron pola defensa dos valores republicanos, a dignificación dos represaliados e a divulgación da historia da represión na zona. Xa levamos outorgados tres galardóns. O primeiro en recibir este merecido recoñecemento foi Paco Lores, a seguir Raúl Francés (pai), e este ano decidimos concederllo á asociación Levada Libre, de Tui, polo seu intenso labor de investigación e divulgación das memorias da represión. 

 Manolo Vázquez de la Cruz (“Ferruxo”) e Manolo Fernández viñeron recoller o premio, que este ano consistiu nunha peza ideada polo escultor goianés Carlos Fernández, que representa unha oliveira totalmente desbastada na que agroma unha nova póla. Escollemos unha oliveira para o noso galardón porque esta árbore representa unha parte do noso traballo como Comisión, porque sempre plantamos unha nos Lugares da Memoria en que colocamos un monolito cos nomes e idade das persoas asasinadas, como o que temos na esplanada de Portecelo (O Rosal) ou no Alto do Couso (Tebra), ou en Alxén (Salvaterra), e ao seu carón a árbore que simboliza a paz. 

 Como en anos anteriores participaron moitas persoas vindas de diferentes lugares, persoas xenerosas que colaboran de diferentes maneiras na recuperación e espallamento da Memoria Histórica. Entre moitos outros Silverio Rivas, autor da escultura en Memoria dos Represaliados situada na alameda de Tui, que este ano cumpre 25 anos, polo que estamos a preparar unha serie de actos conmemorativos.

* Membro da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Condado -Louriña 

1 comentario: