12 de abr. de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

África Sempere seguirá defendendo as cores do Mecalia Atlético Guardés 

 A pivote alacantina cumprirá o seu terceiro ano consecutivo no club, que se suman ás seis tempadas da súa anterior etapa 

 Sempere sumou 60 dianas na fase regular da competición doméstica e alcanzou a cifra de 800 en todo o seu percorrido na liga Guerreiras Iberdrola 


África Sempere Herrera
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 África Sempere seguirá formando parte do persoal do Mecalia Atlético Guardés un ano máis, sumando así a súa terceira tempada consecutiva no club, o seu oitavo curso na entidade tendo en conta a súa etapa anterior, tras a súa chegada en 2016 procedente do Fredrikstad noruegués.  

 A pivote alacantina, todo un referente para A Guarda, é unha das xogadoras da liga con maior eficacia para a portería rival e froito diso son os 60 goles cos que acabou esta tempada regular, así como as máis de 800 dianas que alcanzou desde os seus inicios na competición.  

 A experiencia, a intuición, o talento e a implicación de África Sempere seguirán configurando o ADN do primeiro equipo o curso que vén, no que a afección poderá seguir entoando o xa clásico “Afri non falla”.  

África Sempere: “Estou moi feliz e ilusionada, aquí síntome como na casa” 

 “É todo un privilexio poder formar parte deste gran club tantos anos, significa moito para min”, afirma África Sempere, que di sentirse “moi feliz e ilusionada” coa renovación. A xogadora ilicitana móstrase moi satisfeita por seguir na Guarda o próximo ano, ao mesmo tempo que recoñece que non esperaba chegar a cumprir tantas tempadas no conxunto do Baixo Miño.  

 En canto á decisión, Sempere asegura que foron claves “as ganas e ilusión que sigo tendo, a forma na que se vive o balonmán aquí e as persoas que che fan sentir como na casa”.  

 A alacantina fai un balance da evolución da tempada e, nas súas palabras, “que o equipo tivese un bo rendemento era cuestión de tempo e paciencia, hai un gran grupo con xogadoras de moitísimo nivel”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario