12 de abr. de 2024

A GUARDA

O CONCELLO ORGANIZA ANDAINAS EN PONTEVEDRA 

 O próximo martes, 16 de abril abrirase o prazo de inscrición 




Infogauda / A Guarda

 Andainas en Pontevedra é unha actividade organizada pola Concellería de Eventos Deportivos do Concello de A Guarda que consistirá na realización de andainas pola provincia de Pontevedra. 

 As andainas  contan cun calendario de 4 en total, repartidas entre a primavera e o outono, e combinan o deporte co coñecemento doutros lugares achegados na nosa provincia cunha paisaxe e elementos patrimoniais destacados.  

 Esta actividade organízase cun autocar para o traslado dos participantes e con guías interpretativos da natureza que acompañarán ao grupo. A distancia destas rutas rondan entre os 10 e 15 km, polo que as persoas interesadas deberán atoparse en condicións físicas adecuadas para realizar andainas duns 15 km e con certa dificultade polo desnivel. 

 A primeira andaina será en maio e recorrerá a parte da Vía Mariana, que foi recuperada no concello de Covelo,  e que une Braga con Muxía. 

 A segunda será en xuño polo que se escolleu unha saída especial coa visita da Illa de Cortegada que pertence ao Parque Nacional Illas Atlánticas. A mañá estará reservada a andaina á illa, e despois percorrerase a ruta do Carreirón na Illa de Arousa con gran valor natural. 

 Despois do descanso do verán, retómase á actividade coa saída de setembro polo interior, cunha nova ruta do río Xabriña, en Mondaríz; e pecharase en outubro co Camiño de Taberneiro, en Pazos de Borbén. 

 As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para as persoas interesadas, do martes 16 o xoves 25 de abril. O venres 26 de abril informarase aos interesados da lista de admitidos. 

 Máis información e inscrición na Casa dos Alonso (3ª planta) ou ben a través dun correo electrónico en turismo@aguarda.es ou no teléfono 986 614 546, aínda que se priorizara a inscrición presencial. 

Calendario das andainas  

- Sábado 4 de maio: Tramo da Vía Mariana (Covelo). 

- Sábado 8 de xuño: Visita á Illa de Cortegada e ruta polo Carreirón. da Illa de Arousa. 

- Sábado 28 de setembro: Ruta polo río Xabriña, en Mondariz. 

- Sábado, 19 de outubro: Camiño de Taverneiro, en Pazos de Borbén. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario