12 de abr. de 2024

A GUARDA

Roberto A. Carrero, un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del


Embarcadoiro - fóra de servizo - da Pasaxe (Camposancos)

Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 Ante dúas cuestións lanzadas pola portavoz do Grupo Municipal Socialista durante o punto de Rogos e Preguntas do último pleno, o alcalde evadiu de xeito directo a súa responsabilidade como rexidor e demostrou o pouco que lle importan o noso pobo e a súa cidadanía.  

 Unha das cuestións estaba relacionada co ferri. Pedimos información sobre cando íamos a ter de novo conexión con Caminha, e que pasaba co pantalán de atraque que aínda non chegou a instalarse, cando el mesmo nos asegurou nunha reunión mantida con nós en novembro de 2023, que o pantalán estaría instalado nunhas semanas.  

 A outra cuestión estaba relacionada coa Estación Marítima da Pasaxe. Queremos recordar que a Estación Marítima é un edificio que pertence a Portos de Galicia e que inicialmente estaba cedido ao Concello da Guarda ata xuño de 2029.   

 O anterior equipo de goberno sacou a última licitación para a explotación da cafetería da Estación Marítima en marzo de 2022, e á mesma presentáranse dúas empresas locais interesadas, pero pouco despois de saír a licitación, Portos de Galicia decidiu rescindir a concesión alegando cuestións normativas, e tivo que paralizarse o proceso posto que o edificio deixaba de estar cedido ao Concello.    

 Un ano despois do cese da concesión, durante unha visita á Guarda da responsable de Portos de Galicia, e ante a pregunta do noso concelleiro Rafa Álvarez de que tiñan previsto facer coa Estación Marítima, comentou que estaban perfilando un proxecto para ese edificio, pero que nese momento non podían darlle ningunha información ao respecto.   

 Dado que xa pasou un ano desa conversa, durante o pleno, tamén lle preguntamos ao alcalde se tiña algunha noticia nova sobre este tema.  

 A súa resposta para estas dúas preguntas foi a mesma: “Para sabelo poden preguntarlle directamente a Portos de Galicia, porque son temas que non dependen do Concello”.   

 Cando lle comentamos que o normal sería que o alcalde estivera informado daqueles asuntos, que aínda sendo competencia doutras administracións, afectan á nosa cidadanía, volveu a insistir no mesmo: “Diríxase vostede á administración responsable dese tema”.   

 Ante a nosa sorpresa, volvemos a insistir preguntándolle se lle diría o mesmo a un/ha cidadán/a que lle fixera a consulta, e insistiu en que lle daría a mesma resposta que a nós. Que o/a animaría e axudaría a presentar unha instancia a través do Portelo Único dirixida a Portos de Galicia. Alucinante, non?  

 Dado que a nós sí que nos preocupa ter informada á cidadanía, e vendo que ao alcalde parece non importarlle nin a conexión con Caminha nin que a Estación Marítima se caia a pedazos, o luns día 8 de abril, desde o Grupo Municipal Socialista da Guarda, presentamos unha instancia dirixida a Portos de Galicia solicitando que nos dean resposta e aclaren as nosas dúbidas en relación a estes temas.   

 Nós, despois da sorprendente resposta de Carrero no pleno, sacamos a mesma conclusión á que levamos chegando durante todos estes meses de goberno: A Guarda ten un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario