2 de mar. de 2024

O CONDADO / A PARADANTA

A Deputación de Pontevedra destina 70.000 euros á posta en valor dos castros de Troña, en Ponteareas, e Altamira, nas Neves 

 Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan de sostibilidade turística en destino Condado- Paradanta, que incluirá unha proposta de realidade virtual, un portal web e a instalación de sinalética intelixente 


Vista aérea do castro de Troña
Foto: D.PO.

Infogauda / O Condado / A Paradanta

 A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o servizo para implantar unha plataforma museográfica virtual para a posta en valor, como recurso turístico, dos castros de Troña (Ponteareas) e Altamira (As Neves). O proxecto, enmarcado no Plan de sostibilidade turística en destino Condado-Paradanta "Unha terra entre ríos", que conta co financiamento do Plan de recuperación do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, ten un orzamento máximo de 72.000 euros e as empresas poderán presentar ofertas ata o mércores 13 de marzo.  

 Con esta iniciativa búscase poñer en valor, difundir e divulgar o patrimonio arqueolóxico asociado á Idade de Ferro e á cultura castrexa nas comarcas do Condado e da Paradanta, dotándoo de ferramentas dixitais para mellorar a interpretación do conxunto patrimonial existente. Tamén se pretende desestacionalizar, deslocalizar e diversificar a demanda turística para reforzar a sostibilidade do destino; incrementar a estancia media das e dos turistas e a súa competitividade; facilitar a mellora continua dos procesos incluídos na cadea de valor turística mediante o emprego da tecnoloxía e ampliar a oferta con produtos vinculados ao territorio.  

 Deste xeito, a empresa adxudicataria deberá desenvolver unha plataforma de realidade virtual, integrada no portal web de "Trazas de Pontevedra", que permita mostrar a historia, os costumes e a contorna dos castros de Troña e Altamira, e que inclúa unha experiencia virtual e audiovisual accesible desde calquera localización. Pola súa banda, deberá tamén xerar contido audiovisual relacionado coa cultura castrexa, que mostre a través de fotografías, imaxes de 360º, reconstrucións 3D e experiencias de realidade aumentada e virtual os costumes das e dos poboadores e a súa contorna, e que recree de maneira fidedigna o patrimonio arquitectónico e etnográfico que non sexa accesible ás e aos visitantes de maneira presencial.  

 Por outra banda, deberá deseñar e instalar unha nova sinalética integrada en puntos físicos de ambos os castros, co fin de comprendelos, ademais de dar a coñecer a contorna e os costumes, as tradicións e o patrimonio arqueolóxico, e incluirá códigos de lectura QR que redirixan á plataforma virtual para obter unha experiencia desestacionalizada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario