FÚTBOL
SEGUNDA GALICIA - VIGO
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO ERIZANA, C. F.
• O domingo día 3 de marzo, ás 16:30 horas, no estadio municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Logo da vitoria (6-1), lograda na xornada 22, polo Sporting Guardés no estadio municipal A Sangriña, fronte ao San Miguel, C.F.; o equipo de A Guarda lidera provisionalmente á clasificación, posto no que se afianzou na xornada 23, ao lograr unha nova vitoria (1-2) no feudo da U.D. Mos.
A día de hoxe, o Sporting Guardés ten 49 puntos. Un máis que o Gondomar, C.F., clasificado no posto 2º da táboa, e cinco máis que o Erizana, C.F., que atópase na 3ª posición.
Este domingo día 3 de marzo, ás 16.30 horas, no estadio municipal A Sangriña, o Sporting Guardés medirase co Erizana, C. F., equipo que na xornada precedente encaixou no seu feudo unha derrota (2-3), xerada polo Tomiño F.C.
Dese xeito, na xornada 24 o equipo de Baiona - en plena celebración da Arribada - virá ata A Guarda co propósito de lograr unha vitoria e así completar á festa do descubrimento. Que o logre ou non, vai depender non soio da vontade que os xogadores do equipo visitante teñan, senón do xogo que realicen os compoñentes do Sporting Guardés, que con toda probabilidade van tratar de pór a bo recaudo os puntos en xogo.
Se a eses factores lle engadimos como ingrediente a histórica rivalidade entre ambos os dous equipos, todo fai prever que o encontro vai resultar moi interesante para as respectivas afeccións.
En definitiva, será un partido de poder a poder. Unha razón moi a ter en conta polos seareiros do Baixo Miño, para presenciar no municipal da Sangriña unha tarde de bo fútbol comarcal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario