1 de mar. de 2024

A GUARDA

8 DE MARZO

DÍA INTERNACIONAL DA  MULLER

 As actividades, que comezarán o próximo 8 de marzo cunha concentración na Praza do Reló, extenderanse ata o mes de maio



 Infogauda / A Guarda

  O Concello de A Guarda aposta durante todo o ano pola promoción da igualdade entre mulleres e homes en todas as esferas da vida e pola visibilización da muller. Por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo propio Día Internacional da Muller con actuacións musicais así como obradoiros dirixidos ás crianzas e a mulleres.  

 As actividades arrancan o día 8 de marzo ás 12:30h na Praza do Reló, onde terá lugar unha concentración e lectura de manifestos, acompañados dunha actuación musical a cargo da artista Najla Shami.  

Najla Shami

 Vocalista e compositora, nada en Santiago de Compostela, filla de dúas culturas: palestina e galega. Interesada pola música desde a infancia, comeza a estudar no Conservatorio de Música de Ourense e a cantar con 9 anos, formando parte de diversos coros polifónicos e formacións de música tradicional galega.  

 O seu primeiro traballo en solitario publícase en 2013, o disco-libro “Na lingua que eu falo”, unha elegante e profunda mirada sobre os poemas da poetisa galega Rosalía de Castro.  

 En 2019 publica o seu último traballo con Galaxia, Ela sabe a Sol”, polo que recibe o Premio Martín Códax ao mellor álbum de músicas do mundo de Galicia. Un álbum cheo de luz e feminidade no que a autora equilibra oriente e occidente ao longo de 13 cancións orixinais. O traballo nace como consecuencia da súa última estancia en Xordania e Palestina onde a compositora conforma música e letra desta nova obra buscando unha converxencia dos múltiples elementos sanguíneos e musicais que a caracterizan.  

Máis actividades

 A fachada da Casa do Concello será iluminada de cor morada e lucirá unha pancarta conmemorativa polo Día Internacional da Muller.  

 Durante o mes de abril se levarán a cabo obradoiros sobre prevención de violencias machistas, baixo o título Eu.Ti. Nós en Igualdade, dirixido ao alumnado de 1º a 6º de Primaria dos centros educativos da Guarda.  

 Estas actividades dirixidas á poboación máis nova, é o eixo principal do programa “Semente de Igualdade”, porque a Promoción da Igualdade e a prevención de comportamentos machistas en idades temperás, son a chave para conseguir rachar coa Violencia Machista na nosa sociedade.



  O Concello de A Guarda, a través do Centro de Información á Muller, aposta por darlle continuidade as actividades máis demandadas, por iso vén de lanzar a terceira edición dos obradoiros de autocoidado para mulleres “Quérome, cóidome” e o obradoiro de canto, “Con voz propia”.  

 Para máis información e inscricións poden dirixirse ao CIM (Centro de Información á Muller) do Concello da Guarda, ou no 986 614 648 ou no correo muller@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario