23 de feb. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN 

DHF

O Mecalia Atlético Guardés ponse a proba ante o Rocasa Gran Canaria no partido estrela da xornada 

 O encontro terá lugar este sábado (17:00 hora peninsular) no pavillón Antonio Moreno 

 O Mecalia Atlético Guardés tratará de irse á semana de descanso cos deberes feitos 

María Paula “Pauli” Fernández 
Foto: M.A.G.


Redacción Deportes

 O Mecalia Atlético Guardés escapa do mal tempo viaxando a Gran Canaria, onde se medirá este sábado ante o Rocasa no partido estrela da xornada 19, un encontro determinante para as aspiracións de ambos os equipos. O envite terá lugar no Antonio Moreno ás 17:00h en horario peninsular, 16:00h en Canarias, e retransmitirase en directo por Teledeporte.  

 O conxunto do Baixo Miño busca facerse cos dous puntos na pista grancanaria para irse ao descanso por seleccións cos deberes feitos. Actualmente, o cadro galego sitúase sexto na táboa con 24 puntos, a só un do Conservas Orbe Rubensa Porriño (quinto) e do Caixa Rural Aula Valladolid (cuarto), polo que debe gañar para continuar na loita por unha praza entre os catro primeiros postos. As xogadoras dirixidas por Cristina Cabeza veñen de vencer comodamente ante o Elda Prestixio no encontro da pasada xornada na Sangriña. Esta fin de semana cambian terras galegas por canarias para enfrontarse a un equipo que se atopa cuarto pola cola con 13 puntos, tras non conseguir sumar en casa do Motive.co Xixón.  

 A última vez que Mecalia Atlético Guardés e Rocasa enfrontáronse, o pasado 15 de novembro, as galegas derrotaron ás grancanarias. Os obxectivos son agora moi diferentes para cada escuadra. Conseguir a vitoria é fundamental para ambas.  

 Agora tócalle ao conxunto do Baixo Miño desprazarse. Farao este sábado, o mesmo día do partido, polo que as xogadoras terán que combater o cansazo engadido da viaxe para tratar de estar ao cento por cento na pista do Rocasa. Está en dúbida a presenza da extremo Venera Surjan por molestias no nocello que a última hora non lle permitiron entrar na convocatoria da última xornada. As que si son baixas definitivas para o envite son Júlia Nuez e Nerea Solares.  

Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que para manternos arriba esta é unha semana crave” 

 A adestradora Cristina Cabeza remarca a importancia de gañar para seguir escalando postos cara á parte alta da táboa nunha xornada con partidos moi complicados. Deste xeito, explica que a vitoria do conxunto do Baixo Miño, sumada a unha hipotética derrota da Aula ou do Porriño, situados a só un punto, abre a porta ao Mecalia Atlético Guardés para colocarse entre os catro primeiros.  “Somos conscientes de que para manternos arriba esta é unha semana crave”, afirma.  
 
 A preparadora sabe da dificultade de medirse a un rival que se xoga salvarse dos últimos postos. Neste sentido, recalca que o equipo é consciente de que “sobre todo para elas, é un partido a vida ou morte, porque se perden contra nós quédalles un calendario bastante complicado e poderían meterse no Play-down”. Doutra banda, recalca a desvantaxe engadida que supón viaxar o mesmo día do partido. Neste sentido, espera que as xogadoras poidan descansar e o cansazo non reste competitividade ao equipo.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola

Xornada 19 

Rocasa Gran Canaria – Mecalia Atlético Guardés  

Sábado, 24 de febreiro, ás 17:00h (horario peninsular), no pavillón| Antonio Moreno 

Ningún comentario:

Publicar un comentario