16 de feb. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN

DHF

O Mecalia Atlético Guardés vai recibir por primeira vez ao Elda Prestixio 

O encontro terá lugar este sábado (17:30 horas) no Pavillón municipal A Sangriña 

O Mecalia tratará de recuperar sensacións tras unha dura derrota en Granollers 


Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés quere recuperar as boas sensacións que mantivo durante sete xornadas ligueiras seguidas e esquecer a dura derrota do sábado pasado na pista do KH-7 Granollers, un partido que puxo fin ao seu excelente refacho de vitorias. O encontro deste sábado (17:30 horas) contra o Elda Prestixio, que visita por primeira vez A Sangriña, preséntase como unha gran oportunidade para pasar páxina, retomar as aspiracións de posicionarse na parte alta da táboa e permitirse soñar con Europa.  

 Mecalia Atlético Guardés e Elda Prestixio nunca se enfrontaron na Guarda, posto que o ascenso do equipo galego coincidiu co descenso do club alacantino. Si se mediron este curso no Florentino Ibáñez, no partido da sétima xornada disputado o pasado mes de outubro, que gañou de forma contundente o cadro galego (25-38). Por aquel entón, o responsable do equipo eldense era Chema Vives. Agora, os preparadores do conxunto rival son José Miguel Cantos e Vanesa Amorós. A ex xogadora é unha cara moi coñecida para o Mecalia Atlético Guardés xa que formou parte do primeiro equipo durante dúas tempadas.  

 A situación continúa sendo moi diferente para as dúas escuadras. A pesar de que o conxunto do Baixo Miño non puntuase o pasado sábado, neste momento sitúase sexto na clasificación con 22 puntos, soamente a un da quinta praza que ocupa o Conservas Orbe Rubensa Porriño. En contraste, o Elda Prestixio vén de colleitar a súa terceira derrota consecutiva fronte ao Rocasa Gran Canaria, posicionándose no antepenúltimo lugar da táboa, 6 puntos por baixo do noveno posto ocupado polo Replasa Beti-Onak.  

 Neste contexto, o Mecalia Atlético Guardés busca afianzar unha posición que lle permita disputar o play-off así como aspirar a postos altos para volver xogar en competición europea. O Mecalia Atlético Guardés non suma ningunha baixa nova salvo as xa consabidas (Júlia Nuez e Nerea Solares).  

Cristina Cabeza: “É un partido por e para o equipo. Queremos facer ver que o do outro día foi un tropezo” 

 “O equipo está a adestrar moi ben despois dunha dura derrota en Granollers”, explica a preparadora Cristina Cabeza. A pesar de que o encontro da pasada xornada disputásese tras unha viaxe chea de complicacións para o conxunto do Baixo Miño, que obrigaron a pospoñer unha hora o inicio do partido, a adestradora sinala que “non valen escusas” e recoñece que o Mecalia Atlético Guardés cometeu “moitos erros” na pista do club catalán. “O Granollers foi moi superior a nós”, sentenza.  

 En referencia ao partido deste sábado fronte o Elda Prestixio, considera que será un encontro “completamente diferente” ao da primeira volta. A adestradora sinala que o equipo tratará que sexa un envite que sirva para “volver coller confianza”, así como para “manternos o máis arriba posible e seguir loitando por cousas bonitas”. Nas súas palabras, “é un partido por e para o equipo, para facer ver que o do outro día foi un tropezo e que seguimos na mesma liña, que o equipo segue de maneira ascendente”.  

 Con todo, a preparadora cre que é un “partido perigoso” a pesar da vitoria conseguida na primeira volta e manifesta o seu desexo de que o ambiente festivo da Sangriña impulse ao equipo cara á vitoria para que “os dous puntos queden en casa”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola

Xornada 18 

Mecalia Atlético Guardés – Elda Prestixio. 

Sábado, 17 de febreiro, ás 17:30 horas, no Pavillón municipal A Sangriña. 

En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario