Luis López reforza a aposta da Deputación de Pontevedra polo turismo co apoio á Festa da Arribada de Baiona, un dos “máximos expoñentes” do atractivo cultural e turístico da provincia
• O presidente provincial participou este xoves no Museo da Navegación na presentación desta festa de interese turístico internacional que se celebra do 1 ao 3 de marzo
Infogauda / Baiona
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou a aposta do Goberno provincial polo fomento do turismo na provincia na presentación dunha nova edición da Festa da Arribada de Baiona. O evento, que se celebra na fin de semana do vindeiro 1 de marzo, chega á súa edición número 28 co recoñecemento de festa de interese turístico internacional e como unha referencia no destino turístico Rías Baixas. “A nosa provincia de Pontevedra é un destino sostible, cultural, ligado ao medio natural, respectuoso co medio ambiente e desestacionalizado. E neste conxunto, a Festa da Arribada de Baiona é un dos nosos máximos expoñentes”, destacou o dirixente provincial.
Acompañado polo alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, e a deputada de Turismo, Nava Castro; o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación no apoio a esta festa. “O apoio da Deputación a esta festa non é unha obriga que asumimos con gusto, é unha necesidade. Porque no Goberno provincial temos o firme compromiso de apostar por un turismo que dinamice e potencie a actividade económica de vilas coma a de Baiona, que teña a cultura e o deporte como aliados estratéxicos, e que sexa consciente do atractivo da nosa riqueza natural pero comprometido coa súa protección e conservación”, defendeu o mandatario provincial.
Neste sentido, Luis López recordou as boas cifras, no tocante ao turismo, coas que As Rías baixas pecharon o ano 2023 para amosar a súa seguridade en que este ano será aínda mellor. “Que o turismo nas Rías Baixas está lonxe de tocar teito é unha evidencia”, sostivo o mandatario antes de puntualizar que o crecemento ten que ser controlado. “Nin queremos nin podemos permitir morrer de éxito. Temos unha folla de ruta clara, no que concellos coma o de Baiona xogan un papel fundamental. O noso ten que ser un destino sostible, cun sector público e privado camiñando xuntos polo mesmo camiño e cun plan estratéxico coma o que impulsa esta Deputación que posicione As Rías Baixas como un destino competitivo, atractivo, sostible e adaptado aos novos tempos”, subliñou.
A colaboración da Deputación na organización deste evento compleméntase coa concesión dunha axuda de 8.000 euros para confeccionar programa. Un compromiso que fará posible que “a Festa da Arribada chegue como mínimo a outras 28 edicións”, concluíu Luis López, quen animou a toda a cidadanía da provincia e as persoas interesadas en visitar As Rías Baixas a gozar da Festa da Arribada, unha experiencia 100 % Rías Baixas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario