4 de xan. de 2024

VIGO

O comité de Vitrasa tilda de “decepcionante” a xuntanza celebrada hoxe coa empresa, que finalizou sen acordo pola actitude da dirección 

 

O persoal de VITRASA nunha mobilización polas rúas de Vigo
Foto: FB


Infogauda / Vigo

 Dende a representación do cadro de persoal da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo explican que a proposta achegada pola compañía foi exactamente a mesma que na vez anterior: desconvocar a folga e aceptar a plataforma de convenio enviada pola empresa.  

 Ao mesmo tempo, Vitrasa non amosou disposición  de negociar a plataforma actualizada remitida polo comité, “nin sequera aspectos que non supuxesen ningún desembolso económico”. O argumento da empresa durante toda a reunión foi que “non ten diñeiro” e está á espera do reequilibrio económico por parte do Concello, “aínda que xa advertiu que non lle vai dar para cubrir todas as perdas sufridas dende 2020”. 

 Neste senso, o comité  lembra que xa hai máis dun mes que o alcalde, Abel Caballero, asegurou publicamente que o reequilibrio xa estaba calculado, e esixíalle ás partes que sentasen a negociar. “Mais a pesar de coñecer nas últimas horas unha nova suba histórica do billete, que supón un incremento na tarifa dun 5,4% (16,3% nos últimos tres anos coas anteriores subas), Vitrasa continúa negándose a negociar”.  

 Para a representación sindical esta actitude demostra o inmobilismo e o talante pouco negociador dunha empresa “á que pouco lle importa o pésimo servizo que se lle está prestando á cidadanía”. Por iso consideran “obvio” que a compañía se atopa cómoda cos servizos mínimos da folga, “xa que coa metade de autobuses circulando, e cheos, a súa rendibilidade aumenta”.  

 Finalmente, critican que Vitrasa leve tres anos negándose a negociar pola falta de reequilibrio económico “e agora que xa o coñece a súa proposta siga a ser a mesma: incrementos salariais do 0% para os anos 2021, 2022 e 2023”. 

 E rexeitan tamén a actitude do Concello de Vigo, “pretendendo politizar un conflito laboral mentíndolle á cidadanía coa única pretensión de desviar a atención das súas responsabilidades co servizo público de transporte”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario