4 de xan. de 2024

TUI

Entregados os premios do Concurso da Postal de Nadal do Concello de Tui

 Naiara Pérez Rodríguez, de 1º EP do CEIP de Caldelas, foi a gañadora 




Infogauda / Tui

 Onte, mércores 3 de xaneiro, o Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acolleu o acto de entrega dos premios do concurso de debuxo escolar destinado a escoller a Postal de Nadal do Concello de Tui. Trátase da cuarta edición deste certame que contou con postais enviadas por alumnos e alumnas dos seguintes centros escolares tudenses: CEIP’S de Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, Guillarei e Rebordáns  así como o Colexio Santa María – Maristas de Tui.  

 A postal presentada por Naiara Pérez Rodriguez  de 1º curso de Educación Primaria do CEIP de Caldelas, acadou o primeiro premio, mentres que o segundo premio foi para a postal presentada por Mía Durán do Colexio Santa María – Maristas e o terceiro á tarxeta de Noa Patricio Álvarez do CEIP de Pazos de Reis.  

 Os premios, que consisten en lotes de material escolar e de lectura, foron entregados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla.  

 A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explicou que a finalidade deste certame escolar, que por cuarto ano convocou o Concello de Tui, é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal, procurando que os nenos e nenas do noso municipio, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario