3 de xan. de 2024

TOMIÑO

O Concello de Tomiño demanda á Xunta de Galicia máis de 600.000€, por verse obrigado a financiar servizos sociais de competencia non municipal   

 A Xunta obriga ao Concello a asumir máis de 250.000€ polas dúas escolas infantís e o centro de día da localidade, mentras que nos concellos con escolas privadas financia a totalidade do servizo  

 O Servizo de Axuda no Fogar, competencia exclusiva da Xunta de Galicia, supón preto de 400.000 euros dos fondos propios municipais 


Foto: C.T.
 

Infogauda / Tomiño

 A corporación municipal do Concello de Tomiño aprobou no pleno municipal, celebrado o pasado 19 de decembro, unha moción para abordar o financiamento dos servizos sociais de competencia non municipal. Contou co voto a favor dos grupos municipais do BNG, que impulsou a iniciativa, e do PSOE, e coa abstención do PP. 

 Coa entrada en vigor da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, as competencias dos concellos sobre os servizos sociais diminuiron, manténdose unicamente a responsabilidade en materia de avaliación e información de situacións de necesidade social e de atención inmediata a persoas en risco de exclusión social. Non obstante, o Concello segue tendo que asumir unha parte do financiamento de servizos como o Servizo de Axuda no Fogar ou aquel relacionado coas prazas ofertadas no centro de día e nas escolas infantís.  

 O financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que forma parte da Lei de Dependencia, está contemplado a partes iguais entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas. Se ben, o Concello de Tomiño consigna case 400.000 euros de fondos propios tras licitar o servizo cuns costes de 19€/hora, fronte os 11.5€/hora que financian as mencionadas administracións competentes na materia.  

 A moción tamén aborda a situación do centro de día e das escolas infantís do municipio, xestionadas a través do Consorcio Galego. A Xunta impón un cofinanciamento ao concello, xerando custos que ascenden a preto de 250.000 euros segundo os orzamentos para este 2024. O Grupo Municipal do BNG critica que a Xunta financie completamente as escolas infantís privadas nalgúns concellos, pero que, a súa vez, esixa a concellos como o de Tomiño copagar por servizos semellantes que, pola contra, si son de carácter totalmente público.  

 Por iso, dado que o Concello destina neste momentos máis de 600.000 euros de fondos propios a servizos que non son da súa competencia, a proposta de acordos da moción busca instar á Xunta de Galicia e á Administración Xeral do Estado a asumir o financiamento íntegro dos mesmos. Na mesma liña, tamén se lle solicita á administración autonómica a asunción do 100% dos costes do centro de día e das escolas infantís, servizos que esta xestiona en exclusiva de xeito unilateral.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario