9 de xan. de 2024

O ROSAL

O Concello do Rosal e ANABAM colaboran na prospección da costa ante a posible chegada de bólas de plástico  

 Xa se levaron a cabo inspeccións da costa rosaleira, nas que non se detectaron a presenza destes microplásticos 

  

Vista parcial do tramo costeiro correspondente ao concello do Rosal

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal e a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), traballan xuntos na prospección da costa do municipio co obxectivo de previr a posible aparición das pequenas bólas de plástico procedentes da perda de ata seis contedores por parte do buque Tuconao en augas portuguesas.  

 A concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez Alfonso, e o presidente de ANABAM, Agustín Ferreira Lorenzo, contactaron para abordar a necesidade de protexer a costa baixomiñota ante a ameaza potencial da chegada da marea branca de microplásticos ata o Rosal. Ambas entidades acordaron coordinar esforzos e estar en permanente contacto para atallar coa maior brevidade a aparición destas bólas de plástico no caso de ser necesario. 

 “A nosa costa é un ben precioso que temos que protexer. Agradecemos a ANABAM o traballo que está a facer e a súa estreita colaboración, xa que é fundamental para anticiparnos e actuar de inmediato ante calquera risco de contaminación por estes microplásticos. A nosa prioridade é garantir a conservación dos nosos ecosistemas”, salientou a edil. 

 Ambas entidades xa realizaron prospeccións costeiras, chegando incluso ata o municipio de Oia, para avaliar a situación actual e identificar posibles áreas de risco. Ademais, fan un chamamento á veciñanza para que notifiquen ao Concello ou á asociación calquera avistamento de bólas de plástico na costa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario