11 de xan. de 2024

A GUARDA

O BNG DEMANDA A CONVOCATORIA DUNHA XUNTA DE PORTAVOCES PARA TRATAR A CRISE  DAS BÓLAS DE PLÁSTICO NO MAR  

Anxo Lois Baz Vicente: “Temos que estar preparados ante unha previsíbel afectación da costa da Guarda”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 “Ante a incerteza de todo canto está a acontecer no tocante a limpeza das praias o BNG urxe sumar esforzos, coordinar e formar o voluntariado, pero sobre todo esixir o compromiso real das  administracións competentes na materia que a día de hoxe non existe”. Esa é a primeira das reflexións que vén de manifestar Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.  

 Nesa liña, Anxo Lois Baz advertíu: “Temos que estar preparados ante unha previsibel afectación da costa da Guarda. Cumpre elaborar un plan de continxencia e adiantarse na medida do posíbel aos acontecementos.  A experiencia dos concellos onde goberna o BNG dinos que estes plans non están contando ca axuda dun goberno da Xunta desaparecido, adicado máis ben á batalla  electoralista co Goberno do Estado que a solucionar o problema que estamos a vivir no mar. Toca limpar, traballar e facelo ben, e ata hoxe os concellos onde ten chegado a vertedura están totalmente sós”.  

 Ao nacionalista preocúpalle “a posición do Goberno galego, máis pendente da precampaña electoral que de atallar as graves consecuencias que pode deixar no  sector pesqueiro e no medio ambiente esta vertedura” e manifesta “non é de recibo que a Xunta  derive a responsabilidade da limpeza das praias aos concellos, como si se tratara dunha simple  posta a punto  das praias na tempada estival”.   

 Anxo Lois Baz concluíu dicindo: “A sociedade guardesa ten dereito a saber si o goberno local está dando algún paso ou simplemente está de brazos cruzados agardando a que os pellets invadan a nosa costa. Si ten algún dispositivo preparado e en que consiste. Si contamos cos materiais para a limpeza de praias necesario. Si a Xunta de Galiza despregou nesta comarca algún efectivo.  En resumo, o BNG esixe un plan que permita abordar con eficacia a posíbel chegada dos pellets a costa guardesa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario