28 de dec. de 2023

VIGO

A CIG-Industria reclámalle ao Concello de Vigo unha aposta decidida na defensa do futuro do sector da automoción 


Delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse este xoves diante do Concello de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse este xoves diante do Concello de Vigo en resposta ao deterioro da automoción e reclamarlle ao Goberno local unha actuación decidida na defensa do futuro deste sector. Na protesta denunciouse o mutismo do alcalde ante a decisión de Stellantis de levar a tan demandada planta de baterías e rexeitouse a política económica e laboral que aplica o Concello, apostando por transformar unha cidade industrial como Vigo "nun parque de atraccións" centrado no sector servizos e na precariedade laboral e salarial. 

 Aproveitouse tamén para entregar por rexistro un escrito solicitando o apoio da Corporación municipal ás reivindicacións da CIG e pondo en evidencia a propaganda e as falsas expectativas xeradas polo alcalde e a súa equipa de Goberno a respecto do sector, pois nin a fábrica chinesa nin a de baterías saíron adiante. 

 A concentración enmárcase na campaña de información, concienciación e mobilizacións que a CIG-Industria ten en marcha en defensa da automoción galega ante a incerteza que enfronta o sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e da ausencia de proxectos relacionados co vehículo eléctrico.  

 O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', alertou que a última empresa que se estabeleceu na área de Vigo relacionada co sector foi anterior á crise de 2008. Dende entón, a automoción asiste a un deterioro progresivo con deslocalizacións, destrución de centos de postos de traballo, e falla de investimentos e de novos proxectos que captan outros territorios como o norte de Portugal ou a zona do Levante.  

 Nesta realidade, fronte ás declaracións electoralistas de Abel Caballero sobre a necesidade de instalar unha planta de baterías en Vigo, "agora cala ante a imposición de Stellantis e do Goberno español, colaborador necesario na decisión de levar a planta a Zaragoza". Lamentou a política de autobombo e esaxeración do Concello e a clara aposta que fai polo sector servizos (con empregos de peores condicións laborais e salariais), mentres a industria esmorece. A este respecto, lembra que outro sector fundamental para a cidade como o naval, asistiu nos últimos anos ao peche dos dous estaleiros privados máis importantes do Estado. 

Condicións de precariedade absoluta 

 Con esta campaña, a CIG tamén quere pór o foco na elevada precariedade e inestabilidade que padecen os cadros de persoal das empresas da automoción (instaladas maioritariamente nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense), mentres as administracións públicas miran para outro lado e non se atreven a revisar as irregularidades e as fraudes de lei na contratación e continúan a sufragar con cartos públicos o sistema de flexibilidade encuberta que supoñen os ERTE. 

 Tupi criticou a política empresarial de Stellantis que compromete a viabilidade futura da automoción galega ao reducir produción, non realizar investimentos e non concretar cal é o plan industrial que vai aplicar nos vindeiros anos. Cuestión esta última que, reiterou, "hai que reclamarlle a Stellantis que faga público". 

 O secretario nacional advertiu que no sector proliferan os ERTE, a desregulación da xornada e dos horarios e os baixos salarios, até o punto de que as compañías están a utilizar a industria galega do automóbil como “banco de probas” para ensaiar novas fórmulas de aforro de custes en man de obra e de optimización de recursos para tirar os máximos beneficios precarizando as condicións de traballo". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario