19 de dec. de 2023

TOMIÑO

O Goberno municipal lamenta o descoñecemento do Partido Popular sobre os orzamentos municipais de Tomiño  


Equipo de Goberno municipal do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Goberno municipal do Concello de Tomiño lamenta a falta de información e o descoñecemento da portavoz do Partido Popular, Lara Meneses, do funcionamento e xestión das contas municipais, que serán aprobadas en pleno este mesmo martes 19 de decembro. Uns orzamentos de máis de 9 millóns de euros, os máis altos da historia do Concello, nos que a capacidade de captación e xestión de fondos europeos permitirá levar a cabo novos investimentos transformadores

 Asemade, o executivo municipal afirma: Na información trasladada por Meneses á veciñanza, a portavoz popular confunde dous conceptos esenciais como saneamento e abastecemento, un abastecemento que en Tomiño é realizado grazas á boa xestión das traídas de auga. Non obstante, si é necesario incrementar un saneamento co que a Xunta non amosou o seu compromiso en ningún momento, xa que nos últimos 15 anos dedicou 0 euros a solucionar un problema que agora os populares consideran tan grave

 O Goberno municipal destaca ademais o apoio ao comercio local, xa que ademais da partida reflectida nos orzamentos, o vindeiro 2024 investiranse case 400.000 euros a través dunha subvención conseguida polo Concello nunha convocatoria de fondos europeos NextGenerationEU para o impulso á dixitalización do comercio local e a súa adaptación ás novas tecnoloxías. Unha subvención que só acadaron tres concellos en toda Galicia e que permitirán investir o vindeiro ano máis fondos que nunca na dinamización do comercio local tomiñés.  

 Dende o Goberno municipal laméntase que o Partido Popular se refira aos problemas de aparcamento como un dos problemas para a dinamización do comercio de proximidade cando hai unha ducia de aparcadoiros que permiten chegar en menos de tres minutos camiñando a calquera parte dos núcleos de Tomiño ou Goián. En total máis de 1.500 prazas de estacionamento que foron posibles en gran medida grazas á recuperación de espazos públicos para as persoas e a transformación dos núcleos da vila, permitindo que a veciñanza poida desfrutar de lugares de estancia, convivencia e lecer ao tempo que merca no comercio local con comodidade.

 O Goberno municipal salienta que asegurar que en Tomiño hai un problema de aparcamento resulta ridículo para calquera que coñeza o municipio. Realizar este tipo de afirmacións só fai dano ao comercio local, xa que disuade á xente a acudir a Tomiño a realizar as súas compras ante un suposto problema de aparcamento.  Dende o Goberno municipal recálcase que tomiñeses e tomiñesas deben estar unidos para apoiar ao comercio local, favorecendo que a veciñanza das parroquias, dos núcleos urbanos e de fóra do municipio veñan comprar a Tomiño

Ningún comentario:

Publicar un comentario