27 de dec. de 2023

TOMIÑO

A mocidade tomiñesa implícase nun Nadal solidario  

 Máis de 700 persoas maiores recibiron postais e agasallos personalizados da man de nenos/as de todo o concello  


Os agasallos, elaborados por persoas de todas as idades, permitiron compartir con elas non só detalles materiais, senón tamén afectos, creatividade e compañía
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 Este ano a solidaridade foi a protagonista no Nadal de Tomiño, onde a infancia e a mocidade uníronse para levar a cabo diversas iniciativas coas persoas maiores como protagonistas.  

 A campaña “Nadal Solidario, Nadal Voluntario”, organizada polo grupo de voluntariado da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), entregou manualidades personalizadas a máis de 80 persoas maiores do municipio. Os agasallos, elaborados por persoas de todas as idades, permitiron compartir con elas non só detalles materiais, senón tamén afectos, creatividade e compañía, nunha mostra de unión interxeneracional nestas datas tan especiais.  

 Nunha iniciativa paralela, o Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, voltou poñer en marcha unha nova edición da iniciativa “Unha postal polo Nadal”, que xurdiu tras a pandemia e que busca achegar o seu cariño ás persoas máis maiores. Tras o seu éxito inicial, uníronse a ela o alumnado dos centros educativos CEP Pedro Caselles Beltrán, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes e o IES Antón Alonso Ríos. 

 En conxunto, máis de 600 postais feitas con ilusión e agarimo que foron distribuidas a todas as persoas maiores de 80 anos do concello, e tamén aos usuarios das residencias de Residencial Tomiño, Siempre Cuidándote e no Centro de Día, respectivamente, extendendo así os desexos dun Bo Nadal a aquelas persoas que poidan sentirse máis soas nestas datas.  

 Dende o Concello agradécese a alta participación e amósase o orgullo pola infancia e mocidade de Tomiño, que un ano máis comprometeuse de xeito altruísta nestas festas que irradian solidaridade e calidez humana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario